tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Concurso de vídeo “A ciencia na miña vida”

lightbulb.jpgOs Museos Científicos Coruñeses convocan un concurso de vídeo afeccionado sobre os impactos da ciencia e da tecnoloxía na nosa vida, englobado no proxecto CASC (Cidades e Comunicación da Ciencia) Unión Europea.

Trátase de realizar unha gravación curta, de menos de 3 minutos, cuxo contido responda á seguinte pregunta:

Que problemas che gustaría que resolvesen a ciencia e a tecnoloxía no futuro?

O obxectivo da convocatoria é invitar a reflexionar sobre o papel que a ciencia e a tecnoloxía xogan nas nosas vidas e en particular cales son as nosas expectativas acerca do que poden proporcionarnos para o futuro.

Seguro que moitas veces botastes en falta algún sistema ou trebello que vos solucionase algún problema. Pensádeo. Estas vacacións de Semana Santa son boas datas para coller a cámara e facer este traballo.

Podedes gañar unha cámara de vídeo e unha viaxe a Bruxelas, onde competiredes cos gañadores do resto de países participantes.

Os traballos serán valorados por un xurado que terá en conta a orixinalidade, a claridade da mensaxe e o valor artístico dos vídeos. A calidade técnica non terá moita consideración, polo que as gravacións poden ser realizadas mesmo con teléfonos móbiles ou webcams.

A data límite para presentar os traballos é ata o 16 de abril, así que quen se anime que traia o seu vídeo á volta das vacacións.

Aquí tedes máis información sobre a convocatoria.

(Vía: Microsiervos)
(Imaxe de: robotsandmonsters.org)


Deixa unha resposta

Required fields are marked *.