tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Corrosión salvaxe no instituto

Se nun instituto situado á beira do mar utilízase unha estrutura de aceiro sen protexer e sen mantemento sucede o que nos atopamos diante dos talleres de tecnoloxía: A corrosión acaba co material.

Botádelle unha ollada a estas fotos. Veredes como a corrosión foi coméndose os perfís da estrutura, que chegou a escachar por dous sitios.

A Consellería de Educación xa está avisada desta situación, e esperemos que non agarden a que un temporal leve o tellado polo aire para cambialo.

Que é o que sucedeu?

Se temos unha estrutura de aceiro ao aire e sen protexer poden suceder dúas cousas:

Oxidación

En ambiente seco o osíxeno provoca a oxidación do ferro.
2 Fe + O2 -> 2 FeO
4 Fe+ 3 O2 -> 2 Fe2O3

Se a temperatura non é alta isto pode non ser problemático, xa que a capa de óxido recobre o material e evita que continúe a oxidación. Se a temperatura é alta o óxido despréndese da superficie e continúa a destrución do metal.

Corrosión
corrosion.jpg
En ambiente húmido e en contacto co aire prodúcese a corrosión do ferro, e isto xa é máis grave, pois provoca a destrución lenta e progresiva do material, formándose ferruxe ou hidróxido de ferro.

O ferro perde electróns:
Fe -> Fe++ + 2 e

Os electróns libres reaccionan co osíxeno e a auga segundo a reacción:
1/2 O2 + H2O + 2 e -> 2 (OH)

O ferruxe é esa capa parda que se deposita sobre o material férreo:
Fe++ + 2 (OH) -> 2 Fe(OH)2

E a cousa complícase cando estamos ao lado do mar, pois o salitre que vén no aire potencia esta reacción.

Esta estrutura habería que retirala e facer unha nova. Como a fariades? De que material? Que medidas protectoras contra a corrosión se deberían tomar?

___

(Este post foi enviado á 13ª edición do entroido da física)


8 Comments

  1. Pingback: Feliz cumpleaños, Carnaval de la Física « Gravedad Cero

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.