tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Deseña un teléfono móbil para as persoas maiores

Hoxe recórdanos microsiervos unha famosa frase de Henry Ford: “O verdadeiro progreso é o que pon a tecnoloxía ao alcance de tódalas persoas“.

Non tódalas persoas temos as mesmas capacidades físicas, intelectuais, económicas, etc. O mundo é diverso, e a tecnoloxía destinada ao uso das persoas ten que telo en conta para que os produtos cheguen a toda a sociedade.

Un exemplo témolo nos teléfonos móbiles. A xente máis nova demanda que o seu móbil teña o máximo de funcionalidades posíbeis ou que sexa pequeno para poder levalo no peto. Sen embargo iso é algo que non vale para todo o mundo. Pensade nas persoas maiores, que dificilmente se desenvolven cun teléfono dos que tedes vós. Como a tecnoloxía ten que chegar tamén a ese sector da poboación, o deseño de móbiles ten que ter en conta o que demandan.

En edheads.org propóñenos unha actividade na que tedes que deseñar un teléfono móbil especialmente indicado para persoas da terceira idade, probar a súa aceptación e logo comercializalo.

designcellphone2.jpg

Terás que ter en conta que o que as persoas maiores necesitan é:

  • Que sexa económico. Pensa que moitas persoas maiores viven cunha pensión mínima.
  • Debe ser grande, ou polo menos con botóns grandes que se vexan ben.
  • O contraste de cores tamén hai que telo en conta, pois coa idade pérdese a capacidade de distinguir unhas cores doutras.
  • O software non debe ser moi complexo. A pantalla debe presentar a información de forma clara.
  • Debe ser ergonómico, para que as persoas maiores con dificultades de mobilidade ou falta de forza nas mans podan manipular o móbil sen que se lles caia.

Podes acceder directamente á actividade dende aquí.

Terás que poñer a proba o teu nivel de inglés.
A ver que tal resulta o teu deseño. Sorte!

(visto en tecnoTIC)


Deixa unha resposta

Required fields are marked *.