Aínda que xa coñecemos algúns compoñentes que forman un circuíto eléctrico, nesta sección profundaremos un pouco máis, coñeceremos máis compoñentes e aprenderemos a conectalos para deseñar e montar circuítos para os nosos proxectos.
Clasificación:
Para montar un circuíto eléctrico necesitamos os seguintes compoñentes básicos:
- Un xerador ou acumulador que proporcione a diferencia de potencial necesaria para que a corrente eléctrica flúa polo circuíto. Pode ser unha pila, unha batería, unha fonte de alimentación, ou un xerador de corrente continua ou alterna.
- Un medio condutor polo que a corrente eléctrica poda circular. Pode ser un cable, unha chapa metálica, unha placa de prototipos, unha placa de circuítos impresos, etc.
- Uns elementos receptores da enerxía eléctrica que a transformen noutro tipo de enerxía: unha lámpada para proporcionar luz e calor, un motor que proporciona movemento, etc.
- Uns elementos de manobra ou control que me permitan controlar o circuíto, abrindo ou pechando o paso de corrente. Temos para iso os interruptores, pulsadores, conmutadores, etc.
- Tamén podemos introducir elementos de protección, que protexen aos elementos do circuíto de posibles sobrecargas. Por exemplo, un fusible ten esa función.