Que é a electrónica?
Pódese dicir que a electrónica é o campo da enxeñaría relativo ao deseño e aplicación de dispositivos electrónicos cuxo funcionamento depende do fluxo de electróns para a xeración, transmisión, recepción e almacenamento de información, entre outros. Esta información pode consistir en voz, música, unha imaxe, datos, etc.
A electrónica estuda como se controla a electricidade mediante unhas pezas chamadas compoñentes electrónicos. Combinando estes compoñentes de forma axeitada, podemos montar circuítos electrónicos de distintas características e propiedades.
Sen a electrónica non coñeceriamos a radio, a televisión, as calculadoras, os ordenadores, os teléfonos, os robots, os satélites, e moitas cousas máis.
Analóxica e dixital
A electrónica pódese dividir en analóxica e dixital:
- Un sinal analóxico é aquel que pode ter infinitos valores. Por exemplo, as ondas de radio ou de televisión son sinais analóxicas.
- Un sinal dixital só pode ter dous valores ou estados, chamados ceros e uns, e a combinación deses valores danos a información. Nos ordenadores a información transmítese de xeito dixital.