Podes adaptar ao teu proxecto os circuítos que viches nas prácticas modificando o sinal de saída, a activación da entrada ou combinando varios circuítos entre si. Nesta sección imos ver en que consisten os circuítos electrónicos de control, como modificar a saída e como combinar circuítos entre si.
Utiliza un simulador para o deseño e despois próbao construíndoo nunha protoboard.
Sistemas automáticos
Un sistema de control automático, ó recibir un sinal de entrada, realiza unha función determinada de forma automática, é dicir, sen a intervención das persoas. De forma xeral, os sistemas de control compóñense dun dispositivo de entrada, dunha unidade de control e dun dispositivo de saída.
Máis adiante xa estudarás con máis profundidade os sistemas de control. Agora só tes que deseñar un sistema automático utilizando os circuítos electrónicos vistos nesta sección.
Por exemplo, un sistema automático pode ser o acendido automático dos farois dunha rúa cando se fai de noite.
O dispositivo de entrada é unha célula fotoeléctrica, o control do proceso realízase mediante un circuíto detector de escuridade e un relé á saída do detector, e o dispositivo de saída son os farois coas súas correspondentes lámpadas.