tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

En apoio da Educación Tecnolóxica

Estamos ante unha nova reforma do Sistema Educativo e, unha vez máis, proponse reducir e desfigurar a Educación Tecnolóxica, incluso eliminala en 4º de ESO e Bacharelato. Neste rancio país o desprezo cara á Tecnoloxía faise máis ca evidente no anteproxecto da LOMCE.

Mentres nos países da nosa contorna a educación tecnolóxica está presente en todos os niveis educativos, ou incluso están a propoñer aumentala, aquí considérase que non cómpre educar á xente máis nova en tecnoloxía nin orientala cara ós estudos técnicos superiores, provocando a incultura tecnolóxica nas futuras xeracións de cidadáns e cidadás, a falta de capacidades para manexarse nunha contorna tecnolóxica desde unha visión crítica e formada, e o mantemento dun dos tópicos máis estendidos no noso país que ve a tecnoloxía como algo externo, alleo á nosa cultura, pondo freo ao desenvolvemento e á innovación tecnolóxica.

En APETEGA temos que quitarlle o po á antiga pancarta que di “A tecnoloxía é cultura“. Tal vez non debemos gardala nunca.

Que facer ante esta situación?

A Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, PEAPT, na que está integrada a asociación galega APETEGA, está a traballar para defender a educación tecnolóxica, presentando unha proposta argumentada e razoada desta defensa.

 

Pídense apoios individuais ás nosas propostas. Se pensas que en pleno século XXI a educación tecnolóxica debe estar presente en todas as etapas do ensino, podes asinar a petición en Change.org

 

Solicítanse tamén apoios institucionais. Escolas universitarias, colexios oficiais, departamentos de FP, sindicatos, asociacións, empresas, partidos políticos e todas aquelas entidades que defendan a Educación Tecnolóxica en ESO e Bacharelato poden enviarnos unha carta de apoio asinada.

 

Agardamos que, coa vosa axuda, se lle dea a volta a esta preocupante situación.

  • Neste blogue, toda a información relacionada coa LOMCE leva a etiqueta tecnocidio.

2 Comments

  1. Moitas grazas pola informacion, o que vai pasar e dramatico para o ensino, debemos ponher toda a carne no asador! Suponho que ate que pasen as eleccions galegas non poderemos darlle moito protagonismo a isto!

  2. Grazas por informar. Alegrome de q se estea a facer algo para loitar pola tecnoloxia, inda que a lomce haberia que parala enteira

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.