tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Na Casa. Unha breve historia da vida privada.

Libro: En Casa. Unha breve historia da vida privada. Bill Bryson. Editorial RBA. En castelán.

“A Bill Bryson ocorréuselle un día a idea de que adicamos moito máis tempo a estudar as batallas e as guerras da historia que a reflexionar sobre aquilo do que está feita a historia: séculos de xente desenvolvendo con discreción a súas tarefas cotiás, comendo, durmindo e tratando de vivir con máis comodidades, e que a maior parte dos principais descubrimentos da humanidade atópanse na mesma estrutura das casas que habitamos”.

Vale, supoño que moitos de nós teremos feita esta acertada reflexión, pero cando quen a fai é un escritor e divulgador de éxito internacional, autor dun dos bestsellers científicos máis merecidos das últimas décadas, Unha breve historia de case todo (Ed. RBA), o resultado é un ensaio de 600 páxinas que se deixa ler na súa maior parte con unha axilidade e intriga propia das novelas.

En casa é un percorrido por unha inxente cantidade de innovacións presentes nas nosas vidas cotiás: arquitectura, electricidade, cociña, medicina, etc… seguindo o esquema de narrar cronoloxicamente o desenvolvemento dun invento ou proceso presente nunha habitación da mansión actual do autor, mansión cuxo plano serve de índice-guía do libro. Por exemplo, no capítulo da cociña, relata como e cando empezou a utilizarse o xeo coma conservante moitas décadas antes dos frigoríficos actuais. A proposta investigadora e divulgativa do autor enmárcase nunha rama historiográfica recente que pode denominarse Historia da vida cotiá ou da vida privada.

Dado o inabarcable propósito do libro, o autor decide restrinxirse a estudar un período de tempo moi concreto, a partir do século XVIII en adiante, e en especial a partir de mediados do século XIX. Por suposto este período de tempo ten de particular o inxente número de innovacións, cambiando máis as vivendas e a sociedade nos últimos 150 anos ca nos 2000 anteriores.

Así mesmo, e por citar un dos poucos peros que se lle poden por ao libro, está todo moi centrado en Inglaterra: o desenvolvemento das típicas mansións inglesas, da campiña inglesa, da sociedade inglesa, do vocabulario doméstico en inglés,… Aínda que era normal que o autor escollese esta autolimitación, para os foráneos pode quedar un tanto aburrido.

En definitiva, pode non ser un libro tan tan redondo coma o de Unha breve historia de case todo pero o seu tema o converte nunha obra a ter en conta por calquera interesado na tecnoloxía e a súa historia.

 

Posible uso do libro na área de tecnoloxía:

Penso que o libro podería figurar na biblioteca de calquera profesor ou profesora de Tecnoloxía, en especial calquera que teña interese en facer traballos interdisciplinarios.

Unha vez lido o libro é factible consultalo a modo de enciclopedia para utilizar a información do desenvolvemento dunha innovación determinada. Por exemplo, para realizar unha proposta de traballo do análise e estudo da evolución dun obxecto cotiá, que pode complementarse coa visita á exposición Deseño de Sistemas. Escola de Ulm na sede de Vigo da Fundación Barrié (ata o 14 de Outubro). Nesta exposición, breve e sinxela, pero de alto interese para os interesados no deseño, hai varios exemplos de tecnoloxía cotiá (xoguetes, mobles, electrodomésticos,…) que no seu momento foron innovacións revolucionarias.


2 Comments

  1. Gràcies pel consell literari.

    Complementàriament, jo us suggereixo el llibre ‘La Evolucion de la Tecnologia’, de Georges Basalla:
    http://www.casadellibro.com/libro-la-evolucion-de-la-tecnologia/9788498921861/1825012

    És útil per millorar el ‘background tecnològico-cultural’ dels professors de tecno.

  2. Grazas Marc. Non lin ese libro, e coñecer a historia da tecnoloxía sempre vén ben, así que grazas pola recomendación.
    De tódolos xeitos paréceme moi eficaz abordar o tema da historia desde as pequenas cousas que nos rodean. Tampouco lin o libro que nos recomenda Dani, que parece interesante, pero teño proposto traballos nese sentido, nos que o alumnado debe elixir un obxecto da súa vida cotiá e investigar sobre a súa evolución ao longo da historia. Ao tratarse de cousas cercanas a elas e a eles collen a investigación con bastante interese.

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.