tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

En Nadal, o cacharreo non está mal

Chegan as vacacións de Nadal, así que hai tempo para facer moitas cousas. Que tal un pouco de cacharreo?

Tes algún trebello ou xoguete vello que xa non funcione? Colle as ferramentas e ábreo!

1. Para investigar como funciona

Por que soa? Por que se move? Por que vibra? Por que quenta? Que fai que cun motor que ten un movemento xiratorio consigamos un movemento lineal?
Pódeste facer moitas preguntas sobre o funcionamento das cousas que nos rodean. Investiga o seu funcionamento mirando no seu interior e buscando en internet.

ps2-controller.jpg

Podes ver aquí uns traballos que fixeron o curso pasado os grupos de diversificación.

2. Para aproveitar compoñentes

Por que tirar ao lixo eses trebellos estragados? No seu interior podemos atopar interruptores, LEDs, motores, pilas, altofalantes, mecanismos, … un montón de cousas que nos poden servir para facer novos obxectos que funcionan.
Se non sabes que facer con eles tráeos ao insti, pois pódennos servir para os proxectos.

frog2.jpg

3. Para arranxalos

En moitos casos, cando se nos escancalla a calculadora, o mando da tele, o secador, o reproductor de mp3, o faro da moto, etc. os arranxos poden ser doados de facer. Pode ser que só sexa un cable solto que se pode volver a conectar ou soldar, que entrase humidade nos contactos e só haxa que limpalos, que o mecanismo estea obstruído, … Se ves que ten arranxo, inténtao!

motor.jpg

Ponte a cacharrear, é un xeito moi divertido de pasar o tempo, pero ollo! fai isto só cos trebellos estragados, e non cos que funcionan (por se acaso).

Veña, felices vacacións!


Deixa unha resposta

Required fields are marked *.