Esta fin de semana: Freeday4Girls e Naukas2014

Cunha fin de semana con bo prognóstico meteorolóxico e unha temperatura da auga da ría de 21ºC cando o habitual é 17ºC vai ser difícil quedar na casa mirando a pantalla do ordenador. Porén, para quen queira, temos dous interesantes eventos que podemos seguir en streaming a partir de mañá.

Freeday4Girls

Mañá pola mañá, de 9:30 a 14:00 h, podemos conectarnos a Freeday4Girls, Xornada de software libre e muller, un evento orientado a visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia, e no que se amosarán experiencias en diversas disciplinas: creatividade, deseño, xestión, formación, etc.

Podedes consultar o programa completo en http://osl.cixug.es/freeday4girls/ e poderedes conectarvos ao streaming desde a páxina tv.usc.es.

Naukas

naukas_bilbao_14Desde as dez da mañá ata as oito da tarde do venres e do sábado podedes conectarvos a Naukas Bilbao 2014, un evento de divulgación científica con múltiples charlas de 10 minutos de duración sobre temas do máis diverso, o que fai que adquira unha dinámica moi amena e fluída.

Alégrome especialmente de que esta edición de Naukas conte con máis mulleres que outros anos, e agardo que se vaia dando cada vez máis visibilidade ao importante traballo das mulleres no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Podedes consultar o programa completo en naukas.com e conectarvos ao streaming en eitb.com. O hashtag en twitter é #Naukas14

 

Boa fin de semana!

 

Actualización: Podes ver todos os vídeos de naukas2014 en eitb.com


Deixa un comentario