tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Fachadas dinámicas

A arquitectura que nos rodea xeralmente é estática, pero hai edificios que cambian a súa forma física e a súa aparencia, e esta vez non falo de proxeccións virtuais, senón de elementos físicos.

Esta fachada nun edificio de Graz (Austria) cambia continuamente converténdose nunha escultura dinámica. Pero a súa funcionalidade non é só estética, senón que utiliza os paneis móbiles para adaptar os espazos segundo as condicións de luz exteriores.


youtube: Dynamic facade “Kiefer technic showroom

Outro exemplo é Flare Dynamic Facade, que consta dunha serie de módulos metálicos controlados individualmente por ordenador e accionados mediante cilindros pneumáticos. O efecto visual depende da luz reflectida polo Sol, de xeito que cada módulo actúa como un píxel, producindo luz ou sombra. O sistema dispón tamén dunha serie de sensores dentro e fóra da construción.


Flare Dynamic Facade from VILLA on Vimeo.

O problema destes sistemas é o elevado custo económico e gasto enerxético.

Tampouco podemos esquecernos das fachadas de LEDs, que dunha forma máis económica e con menos mantemento conseguen numerosos efectos, anque cando se abusa delas producen demasiada contaminación visual.


youtube: Arup.

Outra opción é a de utilizar a enerxía do vento para lograr o movemento das fachadas, anque deste xeito o resultado depende das condicións ambientais, e non se pode controlar ao noso gusto por ordenador como nos exemplos anteriores. Aquí tes unha lista de reprodución con varios exemplos:

Non son unicamente as fachadas exteriores o obxecto ao cal introducir dinamismo. As paredes interiores conforman un espacio habitable ao que interesa aportar interactividade co usuario. De momento parece que estes proxectos teñen máis sitio nas galerías de arte que nos propios edificios, pero todo se andará. Temos, por exemplo, as paredes dinámicas de hyposurface, os espellos mecánicos de Daniel Rozin, as paredes de Frédéric Eyl que responden á presencia de persoas abrindo diafragmas para deixar pasar a luz, ou as paredes interactivas de LEDs de Dobpler.

Fachada dinámica curiosa é a do artista Richard Wilson, que fixo xirar unha sección da fachada dun edificio en Liverpool antes da súa demolición. Aquí tes dous vídeos no que se pode ver a obra dende fóra e dende dentro.

E xa para flipar completamente, os proxectos de edificios en movemento de David Fisher. Nada de fachadas dinámicas, el propón directamente a arquitectura dinámica, rañaceos xiratorios que permiten aos seus habitantes modificar a orientación dos seus apartamentos para cambiar as vistas ou seguir o Sol. Supoño que na realidade non se moverán tan rápido como se ve no vídeo.

Xa sabes, non volvas dicir que os edificios son estruturas estáticas.


One Comment

  1. Guau! La verdad que algunas fachadas dinámicas son impresionantes. Además, conjugan belleza con temas de eficiencia energética. Un tema fascinante :)

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.