O banco de reciclaxe electrónica con software libre de Vigo estivo en Baiona explicando ao alumnado de Dixitalización a importancia de reparar e reciclar equipos informáticos.
Nunha primeira parte faláronnos da electrónica ética e da importancia de alongar a vida útil dos nosos trebellos electrónicos.
A segunda parte do obradoiro consistiu en fedellar cos antigos ordenadores retirados da aula de informática, aos que queremos darlles unha segunda vida.
O primeiro que fixemos foi abrilos e limpalos. Despois de tantos anos funcionando vimos que por dentro tiñan moito po acumulado, sobre todo nos ventiladores do procesador e da fonte de alimentación. Axudámonos de papel, unhas brochas e unha aspiradora. Tamén poderiamos facer unha limpeza máis profunda utilizando alcohol isopropílico, pero non tiñamos.
Unha vez limpos, retiramos os disipadores e botamos pasta térmica entre o microprocesador e o disipador. Aproveitamos para ver o procesador e o seu zócalo.
Outra das tarefas foi comprobar o estado da pila. Para iso medimos a tensión cun multímetro. Vimos que vai ser necesario mudar a pila a todos os equipos.
Aproveitamos para ver outros compoñentes do equipo: placa base, fonte de alimentación, memoria RAM, disco duro, lector de DVD, portos de conexión, etc.
Ao final houbo que deixar todos os equipos montados, sen que sobrase nin faltase ningún parafuso. E ao día seguinte a proba de lume: conectar os periféricos, acendelos e comprobar que seguían funcionando ben.
Todo correcto! Bo traballo!