tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Fusos horarios

Mañá, domingo 26 de outubro, cambia a hora. As 3:00 horas serán as 2:00.

A xustificación para cambiar a hora é supostamente aforrar enerxía eléctrica. Segundo Red Eléctrica Española o aforro enerxético en España é do 0.5%, moi pouco para o esforzo e trastorno que supón para a poboación.
E hai máis, parece ser que en Galicia afórrase só un 0,28% de enerxía co cambio horario. Todo vén porque en Galicia non temos a hora que nos correspondería pola súa posición xeográfica.

Para pescudar a localización exacta dun punto da superficie terrestre valémonos das denominadas coordenadas xeográficas, a lonxitude e a latitude, achadas a partir dunha rede xeográfica de liñas imaxinarias chamadas meridianos e paralelos.

latitude_lonxitude.gif

A lonxitude é a distancia angular que existe entre un punto calquera da superficie terrestre e o Meridiano de Referencia ou Meridiano de Greenwich.
A latitude é a distancia angular entre un punto calquera da superficie terrestre e o Ecuador.

Ao ser medidas angulares a latitude e a lonxitude mídense en graos.

Todos os lugares da Terra que están no mesmo meridiano teñen a mesma hora solar, xa que tódolos puntos que atravesa o meridiano teñen ao Sol na vertical ao mediodía.

Como a circunferencia da Terra ten un total de 360° e o día solar divídese en vinte e catro horas, a Terra pódese dividir en vinte e catro franxas imaxinarias dunha hora, os denominados fusos horarios. Cada 15° de lonxitude hai unha hora de diferenza, unha máis cara ao leste e unha menos cara ao oeste.

TimeZone_peq.jpgCon todo, cada país ten a súa propia hora oficial, que en moitas ocasións non coincide coa hora solar. Pódelo ver no seguinte mapa de fusos horarios.

Observamos no mapa que sería máis lóxico que toda a Península Ibérica compartise o mesmo fuso que actualmente posúe Portugal e o Reino Unido. Especialmente rechamante é o caso de Galicia, que estando ao norte de Portugal ten unha hora máis, e ten a mesma hora que, por exemplo, Varsovia, cando hai unha diferenza de case 30º na lonxitude, o que equivale a dúas horas solares de diferenza.

Baiona (instituto)
Latitude: 42°7’8.26″ N
Lonxitude: 8°51’41.03″ W

Varsovia (Polonia)
Latitude: 52°13’47.29″ N
Lonxitude: 21°0’42.41″ E


Deixa unha resposta

Required fields are marked *.