Botes, xerras, macetas, …

Imos fabricar uns botes para lapis e bolis, xerras ou uns macetas para pequenas plantas. Pensa en cales son as dimensións máis acaidas para cada caso.

Podemos debuxar e imprimir botes de dúas maneiras:

a) debuxalo tal e como queremos imprimilo, cun grosor de parede.

b) debuxar o obxecto completamente macizo e “espiralizar” a contorna nos parámetros de impresión. Con esta opción só se imprimirá a base coas capas que lle indiquemos e a parede exterior co ancho do nozzle.  É unha boa opción para facer botes para lapis e bolis ou xarróns, pero lembra, tes que debuxalos completamente macizos.

Como debuxarías?

Prismas e poliedros

O máis sinxelo é debuxar un cilindro ou un prisma. Debuxas un polígono, extrúes, baleiras e decoras. Se queres facer debuxos en cada cara e baleiralo non uses o modo de espiralizar, pois só funciona coa superficie continua.

Tamén podes construír un poliedro, baleiralo e decorar algún dos polígonos.

Aquí hai algúns modelos de botes de cerámica que poden servir de inspiración para deseños de impresión 3D: 100dayproject

Loft

Coa ferramenta Loft poden saír botes e macetas moi chulas. Debuxa polígonos estrelados en varios planos e despois usa a ferramenta loft para unilos. Coa opción “match vertices” seleccionas os vértices que queres que se unan creando texturas na superficie. Neste caso fixemos loft dúas veces, primeiro cara un lado e despois cara outro. Despois imprimimos no modo espiralizar.

 

Revolución

Outra forma de facer un bote consiste en debuxar a contorna e despois facer revolución.  Se usas o modo espiralizar non fagas voladizos de máis de 45º (mellor menos), pois non poderemos engadir soportes.

Texturas

Os botes con texturas na superficie son moi chulos. Estes imprimímolos como agasallos para os premios do Día das Letras Galegas.

Imos ver como debuxar o modelo de arriba. Para outros procédese de forma similar. Fai probas a ver o que che sae.

O primeiro que facemos é construír un antiprisma, que é un poliedro que ten dúas cara iguais pero xiradas e unidas por medio de triángulos.

Debuxamos dous polígonos de 18 lados e cada arista de, por exemplo, 20 mm, un polígono no plano top e outro nun plano paralelo separado 20*sin(60) para que nos queden triángulos equiláteros. Coida que o vértice do polígono superior quede entre dous vértices do polígono inferior, xusto no medio. No plano Front debuxamos un eixe de revolución que pase polo centro e que usaremos máis adiante.

Despois creamos un plano unindo tres puntos, dous vértices do polígono inferior e o vértice correspondente do superior. Nese plano debuxamos un triángulo unindo os vértices. Repetimos o proceso no lado oposto e facemos loft entre os dous triángulos.

Repetimos o mesmo proceso cos triángulos consecutivos, a dereita de cada un dos anteriores. Cando fagas loft selecciona “add” para que quede un sólido unido.

Despois extruímos cada un dos triángulos que debuxamos, para que quede a textura. Ten coidado de poñer un ángulo maior de 50º para que se poida imprimir. Podes facelo cara fóra ou cara dentro, como máis che guste.

Unha vez extruídos os triángulos seleccionamos o sólido (fíxate que debe quedar un único sólido, ben unido) e facemos un patrón circular co eixe de revolución que debuxamos ao principio. Fíxate que contamos 9 veces, pois neste caso son 18 lados.

Despois imos facendo espello no sólido respecto á cara superior, fixándote que tes seleccionada a opción “add” para que quede todo unido. Repite o proceso tantas veces como desexas.

Se queres podes escalalo para axustar as dimensións e xa tes o teu bote para bolis. Expórtao a STL e imprímeo co a opción de espiralizar o contorno.

Na primeira imaxe a extrusión dos triángulos realizouse cara fóra, na segunda cara dentro e na terceira un cara fóra e outro cara dentro. Os polígonos utilizados teñen diferente número de lados.

Sabendo o procedemento, seguramente sairanche outras texturas cambiando os polígonos, a extrusión, etc. Fai probas e inventa!