Impresión 3D

tecnoloxia.org

Poliedros

Imos debuxar e imprimir uns poliedros para poder traballar con eles en matemáticas.

Prismas

Son os máis sinxelos de debuxar. Só tes que construír o polígono e extruílo. Imos debuxar polígonos de 20 mm de lado e 20 mm de alto. Saberías calcular os seus volumes? Se os pesas, poderías calcular a súa densidade?

Pirámides

Para facer pirámides a partir de polígonos debemos extruír cun ángulo determinado (Draft). Por exemplo, nesta imaxe estamos extruíndo un hexágono cun ángulo de 30º sobre a vertical.

Tetraedro

Se queremos que todas as arestas sexan iguais, o ángulo de extrusión non pode ser calquera. Para extruír un triángulo usaremos o ángulo de 19,47º e obteremos un tetraedro.

Octaedro

Agora imos construír un octaedro. Empezamos debuxando un cadrado e facendo unha pirámide cun ángulo de 35,264º cara dentro.

Despois usaremos a ferramenta mirror  para facer unha simetría respecto da base.

Outros poliedros

Hai poliedros que poden resultar complexos para debuxar na ESO (no bacharelato poderiades intentalo). Para simplificar as cousas podemos utilizar un engadido de onshape:

Abre un documento novo e preme no [+] que hai no menú superior, á dereita.

Agora busca “Polyhedron – Generator” e selecciona Polyhedron.

Aparecerá unha icona no menú que che permitirá debuxar poliedros. Fai clic nela e debuxa o poliedro que queiras.

Neste enlace de onshape podes ver os parámetros de cada un destes poliedros:

 

Cono

Para debuxar un cono o mellor é utilizar a ferramenta de revolución. Debuxa un triángulo rectángulo de 20 mm de base e 40 mm de altura e fai a revolución.