Velocidade de impresión
Fixa a velocidade á que se vai a realizar a impresión da figura. Como referencia, podedes fixar este valor en 40-50 mm/s, que produce bos resultados.
Cando o que queremos imprimir é un voladizo tipo ponte (capas entre columnas) é recomendable aumentar a velocidade de impresión.
Se queremos imprimir paredes inclinadas conseguimos mellores resultados con baixa velocidade de impresión.
Convén reducir a velocidade da parede exterior para mellorar o acabado superficial da peza, pero non debe haber excesiva diferenza entre esta velocidade e a de impresión, pois se non conseguiremos o efecto contrario.
Unha velocidade elevada apenas reduce o tempo de impresión e produce malos acabados, especialmente en pezas cunha xeometría complexa. Para reducir o tempo de impresión é mellor aumentar a altura de capa.
Unha ecuación que podemos utilizar para unha impresora prusa común é a seguinte:
diámetro de nozzle (mm) * altura de capa (mm) * velocidade (mm/s) <= 5mm3/s
Velocidade de desprazamento
Fixa a velocidade á que se vai a mover o extrusor ao desprazarse dun punto a outro da máquina. Unha velocidade recomendada é 120 mm/s. Unha velocidade máis lenta pode producir fíos nos desprazamentos, especialmente cando se traballa a unha temperatura elevada. Pódese aumentar esta velocidade no caso de que os desprazamentos sexan moi longos.
Velocidade de capa inicial
Este parámetro establece a velocidade de impresión da primeira capa. É moi importante para a adherencia da peza realizar a primeira capa a baixa velocidade, polo que se deberá de fixar a un valor inferior á velocidade de impresión normal. Un valor co que se obtén un bo resultado na maioría de impresoras é 20-25 mm/s.