tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Lixo creativo

taller_cirquit_beding_02_p.jpgBasurama é un colectivo dedicado á investigación e á xestión cultural desde 2001 que centrou a súa área de estudo e actuación nos procesos produtivos e na xeración de lixo que estes implican. Nacido na Escola de Arquitectura de Madrid, aborda a produción de lixo na sociedade de consumo a través de actividades creativas de diversa índole, aportando novas visións que actúan coma xeradoras de pensamento crítico.

Entre as súas accións atopamos obradoiros e exposicións de traballos feitos con material de refugallo de todo tipo, incluídos vellos ordenadores, ou a construción de instrumentos musicais e posterior concerto con eles.

Tamén están Circuit Bending e Obsoletos, proxectos de investigación, creación e difusión de sistemas creativos de transformación de residuos electrónicos.

Outras actividades desenvolvidas en Basurama pódense consultar nesta páxina, e as que aínda non se atopan arquivadas estan en proxectos recentes.

taller_obj_5.jpgOs escasos orzamentos cos que traballamos na educación secundaria, que nos conducen inevitablemente a botar man de material de refugallo para a construción dos prototipos desenvolvidos na aula, tamén nos axudan a ser conscientes da cantidade de lixo que xeramos e tiramos e que aínda se pode reutilizar.

Os cargadores dos vellos móbiles válennos coma fontes de alimentación, os vellos ordenadores que ninguén quere aínda pódense aproveitar para traballar con aplicacións que non requiren moita memoria ou velocidade de procesamento, dos vellos xoguetes que o alumnado aínda garda na casa podemos aproveitar motores, interruptores, LEDs, mecanismos, e un longo etcétera.

Non está de máis, nesta sociedade consumista na que vivimos, que tratemos nas aulas o tema dos resíduos dende un punto de vista crítico, e a utilización creativa do lixo paréceme unha forma eficaz de abordalo.


Deixa unha resposta

Required fields are marked *.