Materiais que engordan cando se estiran

Cando sometemos un material a un esforzo axial de tracción observamos como sofre unha redución da súa sección transversal. Pola contra, cando aplicamos un esforzo axial de compresión observamos como a súa sección transversal aumenta. É dicir, cando estiramos o material faise máis fino e cando o comprimimos faise máis groso.

Isto é algo que vimos ao estudar os ensaios de tracción e compresión, e parécenos do máis lóxico. Porén, non todos os materiais se comportan así. Os materiais auxéticos caracterízanse por comportarse xusto de xeito contrario: Fanse máis grosos cando se estiran e máis finos cando se comprimen. Podes velo neste vídeo:

[youtube: The strange behaviour of auxetic foams]

Estes materiais son sintéticos e presentan un coeficiente de Poisson negativo.

Por teren unhas propiedades mecánicas fóra do normal as aplicacións dos materias auxéticos son moi interesantes. Por exemplo en medicina permiten que sexa máis doada a introdución de implantes ou sondas para abrir vasos sanguíneos, pois fanse máis finos ao empurralos. Tamén teñen aplicacións en procesos de envasado, roupa de seguridade, seda dental, etc.

Xa sabes, non afirmes con rotundidade que ao estirar un obxecto estréitase, pois podes ter ao teu redor algún obxecto fabricado cun material auxético e podes quedar mal.


2 comentarios en “Materiais que engordan cando se estiran”

Deixa una resposta a Guillermo Cancelar a resposta