Información

Xa podedes montar o voso mClon

Hoxe presentamos oficialmente o mClon. Un robotiño baseado en Arduino que se pode programar co software de mBlock coma se se tratase dun mBot. Que vantaxes ten sobre o mBot? Sae moito máis económico, pero o máis importante é que con el se traballa tanto o hardware como o software e que podemos fabricar as nosas propias pezas e tunealo como queiramos. Tamén podemos programalo directamente co IDE de Arduino.

Está orientado para traballar en educación secundaria, e é especialmente axeitado para 4º da ESO en relación co currículo de Tecnoloxía para este curso, que inclúe contidos de electrónica analóxica e dixital e de control e robótica. Para traballar en cursos inferiores sería conveniente contar cunha PCB na que soldar os compoñentes e así ter menos cables que se podan desconectar coa manipulación do robot. Iso está pendente de facer.

De momento o que temos é a versión beta. É unha primeira versión básica. Temos previsto ampliala engadíndolle accesorios (LEDs RGB, servo, matriz de LEDs, sensor de luz, etc.). Prestade atención a esta web, pois pouco a pouco iremos engadindo máis cousas.

O proxecto é software e hardware libre e está aberto a calquera achega da comunidade, así que se queredes melloralo, adiante!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *