64 leds
Imos ver o que somos capaces de facer cunha matriz de LEDs no mClon. Nesta páxina tes as instrucións de montaxe e conexión.
Encántalle que te achegues a el ❤ pic.twitter.com/Z0tHX9WyMQ
— mClon (@mClonRobot) 15 de abril de 2019
Librería
Imos traballar coa extensión MatrizLed. Dálle na lapela de extensións – > administrar e busca MatrizLed. Se non aparece na listaxe podes descargala na páxina de makeBlock e subila como ficheiro Zip.Tamén podes descargala de gitHub.
Unha vez instalada aparecerán os bloques na sección de “Robots”, xunto cos bloques de mBot.
Configuración
O primeiro que debemos facer, no inicio dos programas, é indicar en que pins está conectada a matriz de LEDs. Se a tes ben conectada terás: DIN ao pin 12, CLK ao pin 11 e CS ao pin 13. Isto tes que indicalo no bloque correspondente. NM é o número de matrices que temos, que no noso caso será unha.
Despois indicamos o brillo. Mellor non lle deas moita caña, pois a matriz pode consumir moita intensidade. 0.6 ou 0.8 poden ser bos valores.
Despois borra a pantalla, por se hai algo aceso.
Exemplos e prácticas
Agora imos amosar algúns exemplos de programas que podes realizar
Texto escorregadizo
Para amosar un texto que se despraza pola matriz utiliza o bloque “mostrar frase” e indica a velocidade á que queres que se desprace.
- Mensaxe: Fai que o teu mClon emita unha mensaxe, a que queiras.
Contador
Imos amosar na matriz de leds o valor da variable “conta”. No inicio do programa a variable vale 0 e cada vez que prememos no pulsador sumámoslle un. Para evitar que sume moitos valores cada vez que prememos engadimos a instrución de que agarde a que soltemos o pulsador e así nos aseguramos de que sume un só valor cada vez. Ollo, que na matriz de leds só nos caben números dunha cifra, así que só poderás contar de 0 a 9.
- Ponlle límite: Cando a conta chegue a 9 fai que se poña a 0 de novo.
- Conta atrás: Saberías como facer para que a conta empece de 9 e cada vez que premes no pulsador desconte un?
Coordenadas
Para acender e apagar leds de forma individual debemos marcar as coordenadas de cada led. A matriz divídese en oito filas e oito columnas numeradas de 0 a 7, tal e como se ve na imaxe.
Por exemplo, se quero acender o led da posición (4,1) deberei escribir as seguintes instrucións:
- Debuxo: Dá as instrucións necesarias para que na matriz se mostre un debuxo (unha flecha, un boneco, unha cara, …).
Varrido
Se queremos ir acendendo un a un os leds dunha fila necesitamos crear unha variable que empece en 0 e vaia sumando un ata que chegue a 7 (as instrucións repítense 8 veces, de 0 a 7)
Neste programa creamos dúas variables, h para movernos en horizontal e v para movernos en vertical, e tamén creamos unha variable t para o tempo. Primeiro poñemos as variables a 0. Despois imos sumando 1 á variable h mantendo v sempre a 0. Con iso conseguimos que se vaian acendendo os leds da fila de abaixo. Borramos a pantalla e volvemos empezar.
Agora imos facer que se vaian acendendo consecutivamente todas as filas, desde 0 ata 7. Debemos introducir outro bucle e ir engadindo 1 á variable v.
- Apagado: nos anteriores exemplos borramos toda a pantalla á vez. Como farías para que se vaian apagando os leds un a un?
- Contador por nivel: Imos facer un contador, pero no canto de indicar o número a matriz mostra un nivel. No inicio están todos os leds apagados. Cando prememos no pulsador súmase 1 e acéndese a primeira fila, na vez seguinte acéndese a segunda fila, e así sucesivamente ata que chega arriba de todo. Na seguinte pulsación volve apagarse a pantalla e volvemos empezar.
Luces ao chou
Podemos usar a operación de asignar un número ao chou entre 0 a 7 para ir acendendo e apagando leds de forma aleatoria. Neste exemplo acéndese e apágase un led ao chou en cada execución das instrucións do bucle.
- Máis luces ao chou: Serías quen de facer que a pantalla brille como neste vídeo?
O random mola! pic.twitter.com/NKKo4xgAey
— mClon (@mClonRobot) 16 de abril de 2019
Retos:
- Inicio: Imos empezar os programas con luces. Fai que ao premer no pulsador a matriz de leds amose unha mensaxe ou debuxos. Crea unha función para que poidas incorporala facilmente noutros programas.
- Debuxo: Fai que cada vez que o sensor ultrasónico detecte un obxecto apareza un debuxo na matriz de leds (luces ao chou, un boneco, unha cara sorrinte, …). Se non ten un obxecto diante deberá desaparecer. Proba facer que o debuxo teña movemento mentres hai un obxecto diante do sensor, como fixemos co exemplo do corazón do inicio desta páxina.
- Conta-latas: No programa no que o mClon vai por unha liña rodeando ou apartando latas engade un contador e amosa na matriz de leds o número de latas que leva atopado.
- Saímos da liña?: No programa de seguir unha liña, cada vez que o mClon sae da liña deberán acenderse os leds da matriz da columna do lado polo que saíu. Se está completamente fóra deberán acenderse catro columnas.
Agora só falta incorporar a matriz aos teus programas. Dá moito xogo! pic.twitter.com/EFjivafAEY
— mClon (@mClonRobot) 17 de abril de 2019