Leds RGB

Cos LEDs RGB neopixel imos poder acender luces de cores no noso mClon. Tes información sobre o funcionamento e programación con mBlock na páxina “luces de cores”  e co IDE de Arduino na páxina “Luces de cores – IDE“. Aquí imos ver como preparalos e conectalos.

Preparación

Eliximos uns LEDs RGB Neopixel que fosen fáciles de conectar (enlace). Estes teñen o mesmo encapsulado que un LED de 5mm. Colocamos os LEDs como se ve na imaxe.

Podemos soldar os cables directamente nas patas ou usar uns conectores. Como sabemos o complicado que é soldar cun grupo da ESO moi numeroso imos ensinar o procedemento mediante cables dupont.

Primeiro, con axuda duns alicates, dobra as patas para que me queden perpendiculares ao LED, tal e como se ve na imaxe seguinte.

O cable amarelo é o encargado da transmisión de datos. Irá conectado á placa no pin 13 e, polo outro lado, ao pin In do led esquerdo. Mediante un cable femia-femia conectamos o pin Out do led esquerdo co pin In do led dereito. O pin out do led dereito queda sen conectar, pois serviría para transmitir os datos a outro led que non temos.

Despois debemos conectar os pins de alimentación, vermello para Vcc e negro para GND. As unións dos cables pódelas facer con clemas, soldando, cunha grimpadora, … como máis che guste. Aquí usamos unhas clemas, por ser rápido e sinxelo, pero non é como mellor queda.

Cómpre suxeitar os conectores ao led mediante cinta illante para que non se desconecten.

Soportes

Na páxina de impresión 3D podes descargar os ficheiros STL dos soportes para os LEDs RGB neopixel.

Imprímense sen soportes como aparece na seguinte imaxe. Os LEDs deben entrar polos buratos superiores sen folgura, para que quede ben suxeitos.

Hai que aparafusalos aos lados do soporte do sensor ultrasónico. No chasis debes ter unha porca metida pola parte interior. Despois introduce cada led polo burato superior que debe quedar axustado para que o led non caia.

 

Conexión

Agora debes conectar a montaxe anterior á placa da seguinte maneira: o cable vermello a 5V,  o negro a GND e o amarelo ao pin 13 .