Servomotor

mini-servo-tower-pro-sg90

Imos suxeitar e conectar un microservo SG90 o ao noso mClon. Aquí explicaremos como facelo. Na páxina “Brazo” tendes unhas prácticas e retos para manexalo con mBlock e na páxina “brazo-IDE” para programalo co IDE de Arduino. Na páxina de impresión 3D podes descargar un zip coas pezas en STL (accesorios).

O servo no soporte

As pezas imprímense sen soportes e cunha altura de capa de 0.25 mm. O brazo é unha opción que utilizamos para mover latas, pero podes deseñar outros que sexan útiles para o que desexes facer.

Primeiro suxeita o microservo 9g no soporte con dous parafusos e dúas porcas que tes na propia bolsa que vén co servo. Despois aparafusa o soporte na parte dereita do chasis. Convén ter introducidas previamente dúas porcas pola parte interior do chasis. Os cables deben quedar cara a parte de atrás.

Conexión e calibración

[tecnoloxia.org CC By-SA]
As cores dos cables dependerán de cada fabricante, polo que cómpre consultar as especificacións técnicas, pero en xeral o cable vermello vai a 5V, o negro ou marrón a GND e o branco ou amarelo é o que recibe o sinal do pin arduino.

Utilizamos tres cables dupont para facer as conexións na placa e suxeitámolos con cinta illante para que non se solten.

Despois conectamos os cables de alimentación Vcc e GND. Temos dúas opcións para o cable de sinal: pin 11 ou pin 12. Poderías conectar dous servos independentes. No noso caso eliximos un único servo conectado ao pin dixital 11, e programámolo elixindo “porto 1” e “Banco1”.

Agora poñemos o servo na posición de 180º coas seguintes instrucións e descargámolo na placa en modo arduino:

Colocación do brazo

Xa coñecemos a posición 180º do servo. Podemos facer o mesmo para a posición de 90º e 0º. Unha vez identificadas debemos introducir o accesorio do servo e suxeitar o brazo cun dos parafusos que veñen na bolsa do servo.