ShieldClon

A SlieldClon é unha placa deseñada por Xabier Rosas, @XDeSIG, especificamente para mClon. Permite ter máis seguras as conexións á hora de manipular o robot. Conta cos compoñentes básicos para o seu funcionamento, así como acceso a todas as conexións libres para poder engadir novos elementos. O robot coa ShieldClon aliméntase a través dunha batería 18650 Li-ion 3,7V, que poderás recargar a través da placa.

Esta placa pode resultar complicada de soldar por alumnado que non ten moita experiencia, xa que ten moitos compoñentes e os pins moi xuntos, pero é un bo reto para aprender.

Desde o equipo mClon consideramos importante que o alumnado comprenda o funcionamento interno do robot, que coñeza os seus compoñentes e cal é a súa función, polo que recomendamos a partir de 4º de ESO non dar a placa xa soldada, a non ser que practiquen previamente coa protoShield. Porén, a shieldClon pode ser unha boa opción para o traballo co alumnado máis pequeno, sempre invitando a que conecten por eles mesmos sensores e actuadores nos pins da shield.

Recursos

Soldadura

Para soldar a shieldClon podes seguir as indicacións desta guía de soldadura (pdf)

Na shielClon V0.00 utilízanse compoñentes de burato pasante (THT), para que sexa máis doada as súa soldadura.

Algúns compoñentes pódense cambiar por outros que xa teñamos no caixón:

  • O condensador C5 470uF/16V xunto coa resistencia R8, encargase de facer un filtro “PI” co fin de evitar que as perturbacións lentas provocadas polos motores interfiran no procesador e os sensores. Podes poñer outro valor, mantendo sempre a tensión de traballo por riba dos 6V: Por exemplo, podes por un condensador de  220uF/25V (filtra menos), a resistencia R8 que é de 2,2 Ohms, podes por unha máis pequena, incluso unha ponte (un fío), pero xa non teremos un filtro PI (seguramente o mClon funcione perfectamente, mentres os motores non estean vellos )
  • O conector para a batería, pode ser tamén un JST-PH-2 se xa dispós dunha batería con ese conector.
  • Podes prescindir dos condensadores c1 e c2 da placa se xa os soldaches nos motores.

 

Montaxe

Unha vez soldada a shieldClon debes inserila con coidado nos postes femia da placa robotDyn UNO (se usas unha arduino UNO lembra que non tes habilitados os pins A6 e A7, polo que non funcionará o pulsador)

Motores e alimentación:

Debes pasar os cables dos motores por debaixo da placa e conectalos na parte traseira tal e como se ve na imaxe. A cor dos cables é a que usamos como referencia na páxina de pasos previos.

Saca os cables do portapilas polo burato traseiro e conéctaos no conector da placa que hai á esquerda do interruptor, na parte traseira.

     

Sensores:

Para conectar os sensores á placa necesitarás cables femia-femia, de 20 cm para os sensores IR e de 10 cm para o sensor ultrasónico. Cada pin leva tres cables, un de datos e dous de alimentación. Cómpre usar cable vermello para Vcc, negro para GND e outra cor para o pin de datos.

Accesorios:

Usa cables femia-femia para conectar outros sensores e actuadores á placa. Quedarán dispoñibles unha chea de pins para que podas engadir o que queiras ao mClon.

 


2 comentarios en «ShieldClon»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará