Impresión 3D
Engadimos aquí algunhas recomendacións para a impresión das pezas do mClon. Utilizamos Cura como software de laminado.
Os ficheiros
Podes descargar desde estes sitios os ficheiros STL das pezas:
- Ficheiros STL do mClon (zip 14MB) (Actualizado o 04/04/2019)
- Onshape (Actualizado o 04/04/2019)
- FreeCad (pendente)
- GitHub
Se realizas algunha modificación ou mellora, podes engadir os teus deseños en gitHub para compartilos coa comunidade.
Para todas as pezas utiliza falda (Skirt) como tipo de adherencia á placa de impresión, a non ser que se indique o contrario.
Chasis
Rota o chasis de xeito que a parte plana superior quede tocando a placa. Os buratos imprímense ben sen soporte, pero si o necesitan os elementos saíntes da estrutura. Configura o soporte de xeito que só o xere cando está tocando a placa e a unha distancia XY suficiente para que unicamente haxa soporte nos elementos saíntes (1.5 mm). Un patrón doado de eliminar e o zigzag a 15% de densidade.
A altura de capa recomendada é 0.2 ou 0.25 mm. A velocidade de impresión recomendada é de 50 mm/s.
Soporte do sensor ultrasónico
Dependendo do fabricante do sensor ultrasónico HC-SR04 podes atopalo con diferentes dimensións. Fixemos dous deseños diferentes de soporte, un para sensores simétricos (os buratos quedan á mesma distancia do bordo) e outro para sensores asimétricos (verás que nun dos laterais hai unha pista, polo que a distancia desde o burato ao bordo é diferente a cada lado). É moi probable que atopes sensores con outras dismensións e que teñas que axustar o soporte ao sensor que teñas.
Rota a peza de xeito que a parte plana quede tocando a placa. Podes imprimilo cunha altura de capa de 0,25 mm e non necesita soportes.
Soporte dos sensores de liña e bola tola
Temos dous deseños, un (SeguelBallc_v3_cilindro.stl) para sensores de liña que teñen o burato centrado e os LEDs mirando cara arriba, e outro (SeguelBallc_v3_oco.stl) coa parte dos sensores completamente oca, para sensores de liña co burato descentrado e os LEDs dirixidos cara abaixo. Este segundo deseño é tamén válido para calquera modelo de sensor.
Coloca a peza na placa de impresión tal e como aparece por defecto. Necesitarás soportes só tocando a placa. Para que sexan fáciles de eliminar utiliza a mesma configuración que recomendamos para a impresión do chasis.
Recomendamos imprimir como moito a 0.2 mm de altura de capa e non pasar de 50 mm/s de velocidade. Tamén recomendamos imprimir esta peza de cor negra, para evitar que entre luz no interior e asegurarnos de que os sensores realicen unha lectura correcta.
É importante ter ben axustada a cama de impresión para evitar o efecto pé de elefante que faga que a bola non xire ben.
Rodas
Aportamos unha chea de deseños de roda diferentes. Pode ser unha tarefa para o alumnado: Deben debuxar e imprimir unhas rodas personalizadas para o seu robot.
As rodas necesitan un pequeno soporte tocando a placa no entrante para o parafuso. Dálle un pouco máis de densidade (40%) e achégao máis á parede diminuíndo a distancia XY (0.8 mm). Podes imprimir as rodas cunha altura de capa de 0.25 mm.
Soporte para o zumbador
A mellor maneira de imprimilo é na posición da seguinte imaxe, co aro tocando a placa. Engade soporte tocando a placa, zigzag, 15% e distancia XY= 1 mm
Separadores
Deberás imprimir 4 separadores por cada mClon que constrúas. Dálle unha altura de capa de 0.25 mm.
Soportes para a alimentación
Se vas usar un powerbank non necesitas ningunha peza, pois suxéitase no chasis con bridas.
Se a túa opción é o powerClon podes imprimir a peza sen usar soportes colocándoa na cama da impresora como se ve na imaxe. Como a superficie en contacto coa cama é moi pequena pode ser conveniente utilizar Borde (Brim) para aumentar a adherencia.
Se var usar portapilas, para suxeitalo ao chasis podes utilizar bridas ou imprimir un soporte para aparafusar pola parte traseira. Deberás elixir o deseño axeitado segundo sexa a lonxitude do portapilas que vaias usar (temos para portapilas de 55 mm e de 58 mm). Engade soporte tocando unicamente a placa, como na configuración anterior.
Accesorios
Estas pezas son as necesarias para a configuración básica. Para engadir accesorios irás necesitando novas pezas que iremos comentando nas seccións correspondentes.