Montaxe

1. Porcas

O primeiro paso é suxeitar as porcas ao chasis. Segundo sexa a impresión, as porcas poden resultar difíciles de introducir nos buratos ou quedar algo soltas. Se quedan xustas podemos solucionalo quentándoas un pouco co soldador (non te pases) para que derretan algo o plástico e queden suxeitas. Se o burato quedou moi grande podemos utilizar pegamento entre o exterior da porca e o plástico para que non caian.

Podes suxeitar todas para telas dispoñibles para engadir diferentes accesorios (servo, matriz de LEDs, etc.) ou colocar unicamente as necesarias para a montaxe básica (soportes para o sensor ultrasónico e para o zumbador). Recomendamos poñelas todas, pois co robot montado non vai ser fácil introducilas.

Introduce tamén as porcas no soporte do segue-liñas e bola tola.

2. Espazadores

Agora temos que aparafusar os catro espazadores da placa. Podes utilizar os modelos impresos ou comerciais. Se elixes os modelos impresos necesitarás catro tiradondos de 2x10mm ou 2,5x10mm para suxeitalos ao chasis e outros catro para suxeitar a placa. Suxeita o espazador cuns alicates ou unha chave.

3. Motores

Para suxeitar os motores necesitas 4 parafusos M3x25mm e catro porcas M3. Primeiro encaixa as partes saíntes dos motores nos buratos correspondentes. Se che quedan xustos podes agrandalos un pouco con axuda dunha lima. Despois pasa os cables polos buratos laterais, como se ve na imaxe.

4. Segue-liñas e bola tola

O soporte para os sensores de liña e a bola tola encaixa no chasis cos sensores por diante e a bola por dentro. Debes encaixar primeiro os sensores no soporte como se ve na imaxe e despois suxeitar o soporte con dous parafusos e dúas porcas.

É importante suxeitar a porca co dedo no interior mentres aparafusamos, para evitar que saia, e intentar que o parafuso quede o máis perpendicular posible á parede.

Nalgúns sensores a serigrafía está por debaixo. Fíxate ben nela antes de aparafusar. Se queda oculta recoméndase conectar os cables previamente.

Os cables dos sensores pasan polos buratos que ves aos lados e, na parte de arriba do chasis, polos buratos rectangulares.

5.Powerbank ou powerClon

Agora debemos suxeitar o powerbank con velcro ou bridas ou o powerClon con parafusos. Se vas usar portapilas mellor déixao para o final. Fíxate que se usas powerbank tapas o burato que hai para o servo na parte dianteira.

Powerbank: suxéitao con bridas ben apretadas ou con velcro. Esta última opción é máis útil para poder cambiar a alimentación cando a batería se descargue.

PowerClon: Tes que ter previamente os elementos soldados e montados no soporte. Iso explicámolo na páxina de alimentación. Únese ao chasis cuns parafusos e porcas.

6. Sensor ultrasónico

Primeiro debes introducir o sensor ultrasónico no soporte. Ten dous saíntes a cada lado para que non escape, así que deberás facer un pouco de forza para que encaixe.

Despois suxeita o soporte no chasis con dous parafusos. As porcas deben estar previamente suxeitas na parte interior do chasis.

Se para suxeitar o sensor ultrasónico utilizas un parafuso de 20 mm tamén suxeitarás o powerbank e evitarás que vaia cara atrás cando conectas o cable.

7.Placa

Agora uniremos con tirafondos a placa aos espazadores, que suxeitaremos cuns alicates ou unha chave.

8. Interruptor

O interruptor é necesario se usas portalipas ou powerClon como alimentación. No caso de usar powerbank non o precisas.

Introduciremos o interruptor cos cables previamente soldados polo burato correspondente. Ten unhas presillas para que quede suxeito.

9.Rodas

As rodas encaixan algo xustas nos eixos dos motores. Fixémolo así para evitar folguras que fagan que as rodas non queden rectas. Fai presión cos dedos como se ve na imaxe. Se ves que che custa introducila pasa unha lima polo burato para rebaixalo un pouco. Despois suxéitaas con tirafondos e ponlle a cada roda dúas xuntas tóricas.

10. Portapilas

Se vas usar unha protoShield e elixiches portapilas como opción de alimentación, é o momento de suxeitar o soporte ao chasis, pola parte traseira.

E se a túa opción é a shieldClon tamén é o momento de suxeitar o portapilas, pero neste caso con bridas.

11. Zumbador

Por último aparafusamos o soporte do zumbador nun lateral do robot.

12. Accesorios

Ata aquí temos os compoñentes básicos do mClon. O seguinte será conectar o circuíto. Tes toda a información na sección de electrónica.

A maiores, se queres, podes aparafusar un soporte para os LEDs RGB, un servo, unha matriz de LEDs, etc. Isto irémolo explicando no apartado de accesorios.

 

 


4 comentarios en «Montaxe»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará