Pasos previos
Antes de montar a estrutura do mClon convén realizar unha serie de tarefas:
Soldadura
Aínda que non usemos a ShieldClon e optemos pola ProtoShield algo temos que soldar. Non será moito.
Motores
Collemos catro cables Dupont macho, dous amarelos e dous verdes, cortamos e pelamos un dos extremos de cada cable e soldamos como se ve na primeira figura. Os motores suxeitaranse no chasis como se ve na segunda imaxe. Recoméndase usar cables de 30cm no caso de usar a shieldClon, para que non queden tirantes. No caso de usar a protoshiel é suficiente 20cm de lonxitude.
Se os motores non inclúen condensador convén soldar un de 0.1μF entre os terminais de cada motor.
Interruptor
Soldaremos dous cables vermellos ao interruptor, como se ve na imaxe.
Driver TB6612FNG
Sobre unha protoboard pinchamos os pins e apoiamos o driver. Unha vez colocado todo soldamos os pins un a un.
Pulsador
Se usas a placa RobotDyn UNO R3, debemos soldar un cable Dupont ao pulsador da protoShield.
Para conectar o pulsador tamén debemos dobrar un cable Dupont macho para introducilo no A7 da placa RobotDyn, xa que o shield non ten esa conexión. Usaremos un cable branco, como o que soldamos. Ademais, se vas utilizar o “sensor de luz abordo” (opcional) debes conectar un cable amarelo no pin A6.
Ultrasónico
Se vas programar o mClon co software mBlock, os pins Trig e echo do sensor ultrasónico deben ir unidos. Unha opción sinxela é poñer un punto de soldadura entre ditos pins. Non se recomenda isto se vas usar estes sensores para outras cousas nas que poidas necesitar os pins trig e echo independentes.
Dobrar pins dos sensores de liña
Con axuda duns alicates, debes dobrar os pins dos sensores de liña de xeito que queden perpendiculares ao sensor.
Porcas
E xa que estamos co soldador quente, podemos aproveitar para suxeitar as porcas ao chasis. Isto explicámolo na seguinte sección de montaxe.