Nesta sección imos ver como incorporar unha matriz de leds 8×8 con MAX7219, co que podemos amosar caracteres alfanuméricos ou debuxos. Pódenos servir para mostrar o valor dun contador, amosar un debuxo ante un evento ou escribir unha mensaxe.
Facendo que o @mClonRobot nos conte cousas cunha matriz de leds. pic.twitter.com/vguPDkpDek
— mClon (@mClonRobot) 14 de abril de 2019
Conexión
A matriz que usamos ten 5 pins, dous de alimentación, VCC e GND, e tres pins de control;
- dataPin: DIN (MISO) ao pin 12 (é o encargado de enviar os datos en serie)
- clockPin: CLK ao pin 11 (é o encargado de emitir o sinal de reloxo que indica cando hai que ler cada bit.)
- csPin: CS ao pin 13 (é o pin de selección de dispositivo.)
Se programas co IDE de Arduino poderías utilizar outros pins dispoñibles, como o 2 ou o 3.
Se usas a protoShield necesitarás cables femia-macho de 20 cm. Se usas a shieldClon precisarás cables femia-femia de 20 cm.
Montaxe
Utilizamos un soporte para o sensor ultrasónico e a matriz de LEDs. Pode que necesites dobrar un pouco os pins do sensor ultrasónico con axuda duns alicates e que queden perpendiculares ao sensor e así haxa máis espazo para que entre ben a matriz.
Imprime a peza tal e como se ve na imaxe, sen soportes e cunha altura de capa de 0.25 mm
Con axuda duns alicates dobra os pins de xeito que queden perpendiculares á matriz, pois se non chocarán cos do ultrasónico. Se a túa matriz trae os pins sen soldar o máis cómodo é que os soldes cara á parte de atrás.
Primeiro conecta os cables na matriz de LEDs fixándote ben na serigrafía e apunta a que pin debes conectar cada cor. Despois introduce os cables polo burato central e despois polo burato lateral, tal e como se ve na imaxe. Introduce a matriz ata que quede suxeita coas presillas, coloca o ultrasónico e por último aparafusa e soporte ao chasis.
Despois conecta os cables aos pins correspondentes da placa. Se non che quedan máis conexións libres para Vcc e Gnd ten en conta que podes usar os buratos da protoboard que estean conectados á alimentación.
Programación
Na páxina “64 leds” podes ver como programala con mBlock e na páxina “Texto, figuras e debuxos” como programala co IDE de arduino.