tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

O ballet dos traxes espaciais

Non debe ser nada fácil levar posto un traxe espacial. Os astronautas necesitan unhas 1000 horas de adestramento para aprender a moverse alí metidos, pero non lles queda outra que aprender se queren saír ao espazo.

Este vídeo está realizado con imaxes da NASA das probas de mobilidade de varios prototipos de traxes espaciais. Pareceranvos movementos absurdos, pero a ver se seriades vós capaces de bailar cun traxe de 130 kg enriba:

[youtube: A Spacesuit Ballet]

O traxe proporciona protección ante meteoritos e po estelar, fai circular o osíxeno e extrae o dióxido de carbono, mantén unha temperatura constante (a capa externa do traxe espacial pode soportar temperaturas de ata 121°C ao sol e de –157°C na escuridade), mantén no interior unha presión constante, protexe ante as radiacións solares ionizantes e permite a comunicación co exterior, entre outras cousas.

Como fan posible toda esa protección? De que materiais está feito un traxe espacial? Cales son as súas propiedades? Podes saber máis sobre como están feitos os traxes espaciais en cienciapopular.com

E que non vos enganen cando vos digan que os traxes espaciais usados no Apolo 11 foron inventados por tal señor ou tal outro. Eses traxes non terían ningún éxito se non fose por unhas costureiras de Delaware (EEUU), que grazas ao seu íntimo coñecemento do corpo humano e as súas habilidades para traballar con materiais sintéticos melloraron os duros traxes espaciais deseñados por militares e enxeñeiros da NASA.


[De sostenes a trajes espaciales, una historia no contada sobre el Apolo 11]

Ás veces penso que faría falta someter a probas de mobilidade a algunhas prendas de roupa e zapatos que venden nos comercios. Moitas non superarían o test.


[thefoxisblack.com]


2 Comments

  1. ¿Que significa 5 PSI?

    • Iso é cousa do sistema de unidades inglés que por desgraza empéñanse en seguir utilizándoo.
      PSI é unha unidade de presión que significa “Pounds per Square Inch” ou libra-forza por polgada ao cadrado.
      No Sistema Internacional: 1 PSI = 6894,76 Pa
      1 atmosfera = 101325 Pa = 14,7 psi

      Os traxes espaciais do vídeo e da foto están presurizados a unha presión de
      5 psi = 0,3402 atm = 34473,786 Pa

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.