100hex. Arte con impresión 3D

Non todo vai ser facer cousas funcionais. Tecnoloxía e arte casan moi ben, e quixen aproveitar que teño unha impresora 3D para realizar un proxecto persoal de decoración dunha parede que tiña bastante sosa. Trátase dunha composición de hexágonos todos da mesma cor e dimensións, pero cada un cunha imaxe diferente.

[100hex from María L on Vimeo.]

Para a preparación das pezas e xeración dos ficheiros stl necesarios para imprimir utilicei:

  • Debuxo CAD con Onshape
  • Debuxos e fotografías tratadas con Gimp e Inskape, e xeración do ficheiro stl con Openscad.
  • Programación directa con Openscad e BlocksCAD para a xeración de figuras recurrentes, funcións e fractais
  • Algunhas pezas foron xeradas modificando ficheiros que atopei en Thingiverse. Grazas á xente por compartir!

Tendes todos os ficheiros en Thingiverse. Trátase dun proxecto aberto, que se pode ir ampliando con novas pezas. Se vos animades a engadir algún novo deseño, adiante.

Podería ser unha idea para decorar esas sosas paredes que soen ter os institutos. Non?

Feliz verán!

 


Ascensor

Este non foi un bo ano en canto a proxectos, pero algo fixemos.

Un dos proxectos deste ano do alumnado de Tecnoloxía Industrial I é un ascensor programado con Arduíno. Reciclamos un ascensor de 2 pisos realizado en 2º de ESO e o alumnado de 4ºESO axudou no cableado dos compoñentes. O resultado podédelo ver neste vídeo:

(Ascensor de 3 pisos from María L on Vimeo.)

Nesta páxina tendes máis información sobre o proxecto do ascensor, por se queredes montar un.


XVI Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

Se algo caracteriza ao profesorado da especialidade de Tecnoloxía é a constante necesidade de actualizarnos, e non hai mellor sitio no que aprender que nas Xornadas de Tecnoloxía de Galicia que anualmente organiza APETEGA. Este ano chegamos á décimo sexta edición das xornadas, e desenvolveranse no IES Xesús Taboada Chivite de Verín os días 21 e 22 de abril.

Á espera do programa definitivo de obradoiros, imos contar con formación práctica de deseño e impresión 3D, Linux, Arduíno, Raspberry Pi, edición de vídeo ou música electrónica entre outros. Podedes ver o programa provisional coa estrutura das xornadas nesta ligazón.

O período de inscrición vai desde o 3 ata o 17 de abril e realizarase desde un formulario que se habilitará na web de apetega, onde podedes atopar toda a información relacionada co evento.

Eu contribuirei como relatora nos obradoiros de Arduíno, e noutros como alumna, que aínda teño moito que aprender. Vémonos alí!