Unha verdade incómoda

Documental de Davis Guggenheim e Al Gore “An inconvenient truth” (2006)


www.Tu.tv

Trátase dun documental sobre o quentamento global que, á marxe do toque sensacionalista que ten, paréceme interesante para traballar en educación secundaria dende a perspectiva interdisciplinaria ciencia, tecnoloxía e sociedade e de forma coordinada entre varios departamentos.

E para incentivar o debate, non está de máis presentar a outra versión da historia. Témola neste documental titulado “O gran timo do quentamento global“:

Por unhas razóns u outras, o clima cambia e o planeta contamínase, non o imos negar. Dende o punto de vista da tecnoloxía, parte da solución comprende a eficiencia enerxética, as fontes de enerxía renovables e novas políticas enerxéticas. O desenvolvemento e a dispoñibilidade de novas tecnoloxías enerxéticas limpas son clave para controlar o quecemento global. Unha gran parte da tecnoloxía capaz de inverter os efectos do quentamento global xa existe, pero falta a xeneralización no seu uso. Aínda se están a investigar e a desenvolver novas tecnoloxías á marxe dos intereses económicos e políticos.

Para reflexionar: Dende un punto de vista tecnolóxico, que responsabilidade temos como persoas consumidoras e usuarias de tecnoloxía? Que podemos facer nós individualmente para axudar a reducir o quentamento global? Que políticas tecnolóxicas e económicas cres necesarias?


Feísmo

Un colega dicíame o outro día que en Galicia non hai “feísmo“, senón moita creatividade dos seus habitantes. É un xeito de velo. O que para min está claro é que a arquitectura, a enxeñería e calquera intervención humana no territorio debe ser respectuosa con el.

Pois hoxe atopeime cun vídeo que fala precisamente diso. Corresponde a unha conferencia do coordinador do Proxecto Terra do C.O.A.G., D. Xosé Manuel Rosales Noves, na que resalta que a capacidade exemplarizante correspóndelle á Administración, e que non se debe responsabilizar do feísmo unicamente á cidadanía, como fai o xornal La voz de Galicia.

Podes ver aquí o vídeo do que falo:

[youtube: Feísmo]

O Proxecto Terra é un proxecto de intervención educativa dirixido ás distintas etapas da educación obrigatoria co obxectivo de mellorar o coñecemento que os escolares deben ter sobre a nosa arquitectura e a identidade territorial.