tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Banda deseñada online

En Internet atopamos infinidade de ferramentas on-line para facer de todo, sen ter que instalar programas no ordenador. Un exemplo é a creación de banda deseñada.

stripgenerator

Unha tarefa que propoño: crear unha tira de banda deseñada para publicala na revista do instituto. Ten que contar algo relacionado coa tecnoloxía.

Aquí tes algúns sitios onde podes crear as túas tiras cómicas:

Comics animados:


A lenda urbana dos fluorescentes

fluorescenteHai pouco unha compañeira do instituto afirmaba que era mellor non apagar a luz das aulas durante o recreo pequeno de 15 minutos, xa que as lámpadas fluorescentes consumen moito no acendido, máis que se as mantemos acesas.

Eu contesteille que iso era unha lenda urbana, que en todo caso o que aforrariamos serían tubos fluorescentes (durarán máis cantas menos veces os acendamos), pero non enerxía eléctrica.

A verdade é que hai moita xente que pensa isto (éche o que teñen estas lendas), e pódense realizar os cálculos pertinentes para comprobalo.

Por exemplo, imos coller un fluorescente de 20 W:

  • Potencia do fluorescente: 20 W
  • Potencia consumida ó acendelo: 100 W (máis ou menos)

Supoñamos que o fluorescente tarda en acenderse 1 segundo. Nese caso a enerxía consumida durante o acendido sería:

  • E = P t = 100 W 1 s = 100 J

O tempo que ten que estar aceso un fluorescente para consumir a mesma enerxía sería:

  • E = P t t = E / P = 100J / 20W = 5 s

 

Polo tanto, esta lenda urbana só sería aplicable se o recreo durase 5 segundos ou menos.

Outra cousa é que nos compense deixar a lámpada acesa para aforrar tubos fluorescentes, pero está claro que enerxía eléctrica non aforramos.

Podes ler unha explicación sobre isto en curioso pero inútil e tamén podes ver unha animación flash sobre o funcionamento dunha lámpada fluorescente


Bluetooth e as ondas de radio

Hai moitas maneiras de conectar dispositivos electrónicos entre si, mediante cables, sinais de radio, infravermellos, e unha variedade maior de conectores, enchufes e protocolos.

bluetoothA tecnoloxía de comunicación sen fíos Bluetooth utiliza ondas de radio de curto alcance (de 2,4 a 2,48 GHz de frecuencia) Permite comunicacións de ata 10 m e sóese utilizar para as comunicacións entre teléfonos móbiles, PDAs, ordenadores, cámaras, reprodutores de mp3, consolas e outros aparellos.

Componse fundamentalmente de dúas partes: un dispositivo de radio encargado de transmitir e modular o sinal e un controlador dixital que se encarga de procesar a información.

Un dos produtos máis coñecidos que utilizan bluetooth é o auricular sen fíos que nos permite escoitar música sen os molestos cables.

Pero a transmisión de son a curto alcance mediante ondas de radio non é cousa de agora. En 1924, nunha estación de radiodifusión de Chicago xa se utilizaban uns auriculares sen fíos para probar a transmisión dende calquera punto do estudio.

auricular sen fíos de 1924esquema

O trebello era un receptor de radio que constaba dunha bobina, un detector de cristal e un condensador de sintonía, que se conectaba a uns auriculares e púñase sobre a cabeza. Dende logo que parece bastante incómodo. (fonte: colgado de las telecomunicaciones)

Podes fabricar ti o teu propio receptor de radio. Na sección de proxectos de electrónica analóxica tes as instrucións.


Afundímonos?

Galiza afundidaQue pasaría se na costa de Galicia segue subindo o nivel do mar na proporción en que o leva facendo os últimos dez mil anos?

Voz Natura ofrécenos un simulador (.kmz) no que podemos visualizar como quedaría a costa galega co paso dos anos (ou máis ben séculos). Necesitas ter instalada a última versión de Google Earth.

Clica aquí e comproba en que ano a túa casa quedaría baixo o mar movendo a liña de tempo que atoparás na marxe superior de google earth.

Supoño que non haberá que tomarse estas imaxes á tremenda, nin afirmar que iso vaia ser así, xa que é imposible facer unha predición a tan longo prazo, e algo de ciencia ficción si que parece, pero non está de máis concienciarse sobre a necesidade de frear o quecemento global do planeta e, por que non?, pasar un bo rato mirando como a nosa casa queda afundida baixo as augas do Atlántico.

Por curiosidade: Baiona desaparece, pero o instituto aguanta en pé!


Proxectos de electrónica

nivel de augaNeste segundo trimestre empezarei cos proxectos en 4º de ESO. A intención é que apliquen os circuítos electrónicos que estivemos vendo na primeira avaliación. Aproveitando que fan os proxectos traballarán tamén o debuxo asistido por ordenador.

Na sección de “prácticas e proxectos” de electrónica incluín algunhas propostas, e irei engadindo máis cando vaia atopando algo de tempo. Son propostas que lles fixen estes anos anteriores. Este ano teño outras propostas, e os rapaces tamén fanme as súas, pero antes de publicalas aquí quero ver que tal funcionan.

As propostas de automatismos electrónicos analóxicos poden resultar algo engorrosas, sobre todo sabendo que dispoñendo de controladoras sería moito máis doado conseguir os mesmos resultados. É bastante lamentable que non teñamos nos centros dotación de control e robótica cando estes contidos están no currículo dende o 2001, e máis sabendo que somos a única comunidade autónoma na que non se actualizou a dotación para a área de tecnoloxía neste sentido. No meu centro temos sorte, xa que grazas á axuda para agrupacións entre centros que nos dá o MEC imos poder mercar robots LEGO. Pero bueno, ese será outro capítulo.

Se alguén ten algunha proposta de proxecto de electricidade ou de electrónica e quere compartila, pódema enviar para incluíla neste web. Indicarei, por suposto, a autoría da mesma.