Bluetooth e as ondas de radio

Hai moitas maneiras de conectar dispositivos electrónicos entre si, mediante cables, sinais de radio, infravermellos, e unha variedade maior de conectores, enchufes e protocolos.

bluetoothA tecnoloxía de comunicación sen fíos Bluetooth utiliza ondas de radio de curto alcance (de 2,4 a 2,48 GHz de frecuencia) Permite comunicacións de ata 10 m e sóese utilizar para as comunicacións entre teléfonos móbiles, PDAs, ordenadores, cámaras, reprodutores de mp3, consolas e outros aparellos.

Componse fundamentalmente de dúas partes: un dispositivo de radio encargado de transmitir e modular o sinal e un controlador dixital que se encarga de procesar a información.

Un dos produtos máis coñecidos que utilizan bluetooth é o auricular sen fíos que nos permite escoitar música sen os molestos cables.

Pero a transmisión de son a curto alcance mediante ondas de radio non é cousa de agora. En 1924, nunha estación de radiodifusión de Chicago xa se utilizaban uns auriculares sen fíos para probar a transmisión dende calquera punto do estudio.

auricular sen fíos de 1924esquema

O trebello era un receptor de radio que constaba dunha bobina, un detector de cristal e un condensador de sintonía, que se conectaba a uns auriculares e púñase sobre a cabeza. Dende logo que parece bastante incómodo. (fonte: colgado de las telecomunicaciones)

Podes fabricar ti o teu propio receptor de radio. Na sección de proxectos de electrónica analóxica tes as instrucións.


Afundímonos?

Galiza afundidaQue pasaría se na costa de Galicia segue subindo o nivel do mar na proporción en que o leva facendo os últimos dez mil anos?

Voz Natura ofrécenos un simulador (.kmz) no que podemos visualizar como quedaría a costa galega co paso dos anos (ou máis ben séculos). Necesitas ter instalada a última versión de Google Earth.

Clica aquí e comproba en que ano a túa casa quedaría baixo o mar movendo a liña de tempo que atoparás na marxe superior de google earth.

Supoño que non haberá que tomarse estas imaxes á tremenda, nin afirmar que iso vaia ser así, xa que é imposible facer unha predición a tan longo prazo, e algo de ciencia ficción si que parece, pero non está de máis concienciarse sobre a necesidade de frear o quecemento global do planeta e, por que non?, pasar un bo rato mirando como a nosa casa queda afundida baixo as augas do Atlántico.

Por curiosidade: Baiona desaparece, pero o instituto aguanta en pé!


Proxectos de electrónica

nivel de augaNeste segundo trimestre empezarei cos proxectos en 4º de ESO. A intención é que apliquen os circuítos electrónicos que estivemos vendo na primeira avaliación. Aproveitando que fan os proxectos traballarán tamén o debuxo asistido por ordenador.

Na sección de “prácticas e proxectos” de electrónica incluín algunhas propostas, e irei engadindo máis cando vaia atopando algo de tempo. Son propostas que lles fixen estes anos anteriores. Este ano teño outras propostas, e os rapaces tamén fanme as súas, pero antes de publicalas aquí quero ver que tal funcionan.

As propostas de automatismos electrónicos analóxicos poden resultar algo engorrosas, sobre todo sabendo que dispoñendo de controladoras sería moito máis doado conseguir os mesmos resultados. É bastante lamentable que non teñamos nos centros dotación de control e robótica cando estes contidos están no currículo dende o 2001, e máis sabendo que somos a única comunidade autónoma na que non se actualizou a dotación para a área de tecnoloxía neste sentido. No meu centro temos sorte, xa que grazas á axuda para agrupacións entre centros que nos dá o MEC imos poder mercar robots LEGO. Pero bueno, ese será outro capítulo.

Se alguén ten algunha proposta de proxecto de electricidade ou de electrónica e quere compartila, pódema enviar para incluíla neste web. Indicarei, por suposto, a autoría da mesma.


Relé con encravamento

Engadín unha nova páxina na sección de propostas de proxectos de electricidade: Relé de enganche ou con encravamento. Este circuíto é moi versátil: modificando a saída, a activación da entrada e do desenganche mediante diferentes dispositivos e circuítos podemos deseñar unha gran variedade de proxectos. Nesta sección só inclúo algunhas ideas e proximamente incluirei algún vídeo no que se amose o funcionamento. Cando complete a sección de proxectos de electrónica engadirei outros circuítos con relés activados por sensores electrónicos, pero iso será máis adiante.

Na didáctica da electricidade en tecnoloxía hai algo que me parece moi importante: o alumnado ten que deseñar os circuítos axeitados para os seus proxectos, polo menos en parte, modificando a saída, engadindo un circuíto sinxelo que o complete (luces, son, etc.), ou combinando entre si varios esquemas preestablecidos. Se lles damos todo feito creo que se perde a esencia do proxecto en tecnoloxía, o deseño.

Clica no pulsador normalmente aberto para enganchar o relé. Clica no pulsador normalmente pechado para desenganchalo:
alarma

pulsador NO pulsador NC