Coronavirus-makers

Ante a posible escaseza de material de protección para o persoal sanitario que está a traballar para frear o coronavirus a comunidade maker está a poñer as impresoras a funcionar e así poder proporcionar aos centros de saúde diferentes dispositivos de protección e para a atención aos pacientes.

De momento o único que está validado (non confundir con certificado, pois só se valida se é útil no caso de que haxa necesidade urxente) é unha viseira protectora, que a xente xa está a imprimir e montar.

Hai outros grupos que están a traballar noutros dispositivos, como máscaras, gafas ou ventiladores para respiración asistida, e anunciarán cando estean validados cando podemos empezar a colaborar coa súa fabricación. A distribución vaise facer a través das farmacias, que seguen abertas.

As persoas que queirades colaborar podedes entrar a informarvos na web de https://coronavirusmakersgalicia.org/ e no grupo de telegram de Galicia: CV19_FAB_GALICIA. Se entrades neste último lede antes de nada a información que aparece fixada no grupo.

Eu xa teño a miña impresora fundindo plástico:


A maior redución do universo

Un exercicio ao que recorro cada ano para o cálculo de transmisións en engrenaxes é o que explico no artigo “A máquina que fai desaparecer o movemento” (Machine with Concrete – Arthur Ganson) no que se pode ver un motor movéndose a unha velocidade angular de 200 rpm e a última engrenaxe do tren incrustada nun bloque de formigón. Que pasou co movemento? desapareceu?

Pois hoxe, vía un tuit de @FECYT_Ciencia , atopei outra máquina similar, inspirada na anterior, pero cunha redución aínda maior. É esta:

A máquina encadea 100 conxuntos de engrenaxes de maneira que cada parella ten unha relación de transmisión i= 1/10

  • Para calcular a relación de transmisión global debemos multiplicar as relacións de transmisión parciais:

iT= (1/10)100 = 1/10100

Isto significa que para que a última engrenaxe dea unha volta completa, a primeira deberá xirar 10100 veces. (10100 = 1 googol)

  • Supoñamos que o motor xira a 100 rpm. A que velocidade xirará a última engrenaxe?

n2 = iT · n1
n2 = 1/10100  · 100 rpm = 10-98 rpm

Móvese moi moi moi amodo.

  • Canto tempo tardaría en dar unha volta completa?

1 volta · 1 minuto/10-98 voltas · 1h/60min · 1día/24h · 1ano/365días = 1,9·1092 anos

O propio autor comenta “necesitará máis enerxía da que ten que facer todo o universo coñecido. Isto atórdeme a mente.

Non o veremos nunca, pero estes trebellos son ben curiosos.


O noso IES no Faro de Vigo

Onte, 17 de decembro, publicaron no Faro de Vigo un artigo sobre o noso traballo coa robótica, polo que recibimos o premio Desafío STEM. Grazas!

O alumnado de 2ºBacharelato que traballou no proxecto xa non está no instituto, así que a fotógrafa do xornal sacou ao de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía Industrial. Non están todos, xa que xusto cando chegou algúns estaban facendo un exame de recuperación.

Este ano haberá novos proxectos. A ver o que logramos sacar adiante este curso.

 


Premio “Desafíos STEM”

Moitos parabéns ao alumnado de Tecnoloxía Industrial de bacharelato que no pasado curso 2018-2019 traballou no proxecto mClon deseñando pezas para imprimir, conectando e programando novos sensores e actuantes e axudando na documentación co IDE de Arduino. Acadamos o premio de innovación educativa “Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D” na categoría de afondamento “Desafío robots”. (Ver resolución en pdf)

Parabéns a Luis Corbacho, Javier Español, Ana Fernández, Samuel Ferreira, Javier Giráldez, Borja Rial e Martín Aballe. Un premio ben merecido polo magnífico traballo que fixeron.