mClon

Bernardo, Miguel e unha servidora, co apoio de A Industriosa, vimos de presentar mClon, un robotiño de baixo custo que podedes montar, tunear e programar a gusto. Tendes toda a información na web do proxecto. Esperamos que vos sexa de utilidade e lle saquedes proveito.

Se queredes velo funcionando, estaremos na OSHWDem o 10 de novembro, na Coruña. Tamén faremos algúns obradoiros para montalo na Coruña e en Vigo. Xa informaremos.

E, como non podería se doutro xeito, montaremos uns cantos no IES este curso. mClon contra mBot, cal funcionará mellor?


Impresión 3D sobre tea

Unha das posibilidades da impresión 3D é o deseño téxtil utilizando unha tea como soporte da impresión. Neste vídeo podes ver uns exemplos de escamas de dragón:

[Print on Fabric from María L on Vimeo.]

O procedemento é fácil. Utilízase un modelo 3D teselado, de xeito que as diferentes pezas podan moverse libremente. Imprímense dúas capas sobre a base da impresora, pausamos a impresión, colocamos enriba a tea ben suxeita á base mediante unha pinzas e continuamos imprimindo.

Usei a tea que tiña máis a man, que e é bastante fea, por certo. O importante é que sexa fina e estea tecida con folgura para que peguen as capas de filamento que están a un lado e outro da tea. Se utilizamos unha gasa transparente a creación pódese coser sobre outro tecido sen que se note demasiado.

Aquí deixo esta posibilidade de traballo para quen queira facer proxectos téxtiles.


Brazo robot

Un dos proxectos de Tecnoloxía Industrial I deste curso 2017-2018 é o seguinte brazo robot que é quen de clasificar automaticamente pezas de cores e de levar un reconto das mesmas, amosando os resultados en pantalla.

[BrazoRobot from María L on Vimeo.]

É traballo de Samuel e de Javier, que se encargaron da programación e do cableado.

O brazo robot é Pedro Robot.

As pezas para o sensor de cor son unha adaptación dos deseños de Noa.
Ficheiros STL: SensorCor2-cilindro.stlSensorCor3-sensor.stl

O soporte para a pantalla LCD é un deseño do alumnado do curso pasado. STL en thingiverse

 

O curso que vén haberá que montar unha cadea de robots traballando de maneira coordinada. Vai?


III Regata Solar Marine Instruments 2018

O vindeiro sábado 23 de xuño hai unha cita tecnolóxica en Baiona: a III regata solar Marine Instruments.

Trátase dunha competición con dúas categorías, escolar e open, que consiste na fabricación dunha embarcación alimentada unicamente con enerxía solar e na que interveñen diferentes tecnoloxías: deseño naval, electrónica, procesos de fabricación, eficiencia enerxética, telecomunicacións, etc.

A competición desenvolverase de 10 a 14h e haberá dúas probas, unha de resistencia e outra de velocidade.

Máis información en www.regatasolar.org


Factoría de androides

Se andades por Vigo esta fin de semana e vos gustan os obxectos feitos con materiais de refugallo, podedes pasarvos polo Halcón Milenario a ver a exposición “Factoría de androides” de Sátrapa. Inaugúrase mañá venres 11 de maio de 21:30 a 23:30h.

Pode darnos ideas para reciclar cacharrada que xeramos nos talleres, non?

Máis información: