Descrición:
Imos programar un ascensor de 3 pisos. Dispoñemos duns pulsadores nos que se marca o piso ao que desexamos ir. Uns sensores detectarán a posición da cabina en cada piso.
Simulación en Scratch:
Preme nos botóns da cabina para que se mova ata o piso que desexes.
Montaxe:
Debes incorporar:
- Motor: Un motor de CC con controlador H-Bridge L293D que permita programar facilmente os cambios de sentido do motor.
- Sensores: Podes utilizar sensores de contacto (microinterruptores finais de carreira) ou sensores de proximidade (sensores magnéticos reed) para detección da cabina en cada piso.
- Pulsadores: Cada piso debe contar cun pulsador de chamada.
- Panel da cabina: Podes simular a cabina fóra do ascensor construíndo un panel con pulsadores (un para cada piso), visualizador no que se mostre o piso no que se atopa, botón de emerxencia, etc.
Programa:
Traballa en primeiro lugar o movemento da cabina. Cando funcione correctamente engade os visualizadores.
Podes engadir nos diferentes procesos do programa o envío dun texto na consola, tipo “subindo”, “Piso=”, etc. Desa maneira poderás detectar erros, como se algún proceso non se executa ou se o programa non é quen de saír dunha rutina.
Propostas:
- Que sucede se ao iniciar o programa o ascensor se atopa nunha posición intermedia entre varios pisos? Engade o necesario para que, nese caso, o ascensor baixe á planta baixa nada máis arrancar o programa.
- Engade algún visualizador que indique en que piso se atopa o ascensor, se sobe ou baixa, etc. Podes usar uns simples LEDs, un display 7 segmentos ou unha pantalla LCD.
- Como poderiamos facer para que o ascensor teña memoria e sexa quen de almacenar unha chamada mentres está en movemento? Dálle unha volta!
- Proba simular un ascensor de máis de 3 pisos.
- Podes simular un edificio con dous ascensores. Cando se realiza a chamada desde un piso achégase o ascensor que se atope máis cerca. Cando levamos un tempo determinado sen actividade, o ascensor que se atope máis preto á planta baixa baixará a ese nivel.
- Podes engadirlle portas corredizas a cada piso. Por exemplo estas: “Articulated sliding doors“ de Thingiverse.
Deseño 3D
Podes deseñar o panel de control da cabina cun programa de CAD e imprimir as pezas cunha impresora 3D. Nel deberás incluír un pulsador para cada piso, dous LEDs para indicar se o ascensor sobe ou baixa e un display 7 segmentos no que se visualice o piso no que se atopa o ascensor. Toma as medidas dos compoñentes e imprime o mando. Inclúe no lateral uns orificios polos que sacar os cables, que deben estar etiquetados. Para o display 7 segmentos é recomendable utilizar un rexistro de desprazamento para non ter tantos cables.
Este é un exemplo:
Exemplos
Ascensor programado con Arduíno polo alumnado de Tecnoloxía Indusrial I (Sergio e Irene). Reciclamos un ascensor de 2 pisos realizado polo alumnado de 2º de ESO. O alumnado de 4ºESO axudou no cableado dos compoñentes. Curso 2015-2016
Proxecto de María, Manuel, Tania e Chiti no curso 2020-2021 . Ascensor programando as portas corredizas “Articulated sliding doors“ de Thingiverse.