Como imos traballar

Pódese copiar e pegar todo o que se queira. O importante é comprender os programas e conseguir resolver as propostas que se realizan ao final de cada apartado e ao final, en equipo, ser capaz de deseñar e poñer a funcionar un proxecto.

Montaxe electrónica

Para non ter que andar a montar e desmontar, para as primeiras practicas prepararemos o seguinte circuíto nunha protoboard:

  • Nos pins do 7 ao 13 conectaremos LEDS de diferentes cores con resistencias de 220Ω. (Montaxe)
  • Nos pins 2 e 3 conectaremos dous pulsadores con resistencias de  10 kΩ. (Montaxe)
  • No pin Ao conectaremos un potenciómetro de 10 kΩ. (Montaxe)

Despois, segundo as prácticas que fagas, terás que realizar novas montaxes, pero para empezar con isto chega. Deixa espazo para poder conectar máis adiante outros compoñentes.

Para evitar confusións toma estas precaucións:

  • Conecta Vcc na parte superior da placa de prototipos e GND na inferior.
  • Utiliza un cable vermello para Vcc e un cable negro para GND
  • Utiliza cables de diferentes cores para diferenciar os compoñentes e os pins.

As primeiras prácticas

Non hai que facer todas as prácticas. Para aprender a facer os primeiros programas faremos as prácticas e propostas seguintes. Quen vaia máis avanzado pode ir experimentando con outras.

Algunhas normas:

  • Os exercicios de cada práctica deben ter un nome identificativo. Por exemplo: p1_Leds_Frecuencia.ino, p7_Condicional_OR.ino, etc.
  • Introduce un comentario descritivo ao principio de cada programa, para saber que é o que fai, e engade os comentarios que che parezan pertinentes ao longo do programa, para así poder entendelo despois dun tempo.
  • Utiliza correctamente o sangrado ou identación.

Preparación do proxecto

Que necesitas para o teu proxecto? Detectar pulsos, un servomotor, un display 7 segmentos, un sensor de temperatura, … busca as prácticas relacionadas e aprende a manexar os compoñentes que vas utilizar.

Antes de poñerte a programar, fai un diagrama de fluxo que te axude a estruturar o programa.

Cando te poñas a programar, lembra que cando un programa é longo e complexo queda máis claro se creas funcións ou subrutinas para invocalas despois. Poden encargarse diferentes membros do equipo dunha parte do programa, e despois unilo. Utilizar funcións facilitará moito a tarefa.

Intenta facer proxectos que non leven moito traballo de fabricación e montaxe. Aquí queremos centrarnos na electrónica e na programación. Unha idea e reutilizar proxectos da ESO para controlalos con Arduíno.

Na sección de proxectos tes algunhas ideas.


Deixa un comentario