Descrición:
Imos facer que un LED conectado no pin 13 luza durante un tempo determinado e se apague durante outro tempo de maneira cíclica.
Material:
- Arduino UNO e placa de prototipos
- 3 LEDs: vermello, amarelo, verde
- Resistencias: 220Ω (Podes probar con 390Ω, 470Ω, 560Ω, 1kΩ)
Montaxe:
Debemos conectar entre o pin 13 e a masa (GND) un LED e unha resistencia. Podes utilizar calquera das indicadas, obtendo diferentes valores de luminosidade. Nos vindeiros programas utilizarei por defecto resistencias de 220Ω para protexer os LEDs.
Lembra que a pata máis longa do LED debe ir conectada ao positivo (pin 13)
Programa:
Intermitencia. Modifica os intervalos de espera para obter outras frecuencias de intermitencia.
// Declaración de variables: int led = 13; // LED conectado no pin 13 // Configuración: void setup() { pinMode(led, OUTPUT); // Configuramos o pin 13 como saída } // Programa: void loop() { // O programa execútase repetidamente digitalWrite(led, HIGH); // Envía 5V ao pin de saída 13 delay(500); // Agarda 500ms = 0,5s digitalWrite(led, LOW); // Envía 0V ao pin de saída 13 delay(100); // Agarda 100ms = 0,1s }
Propostas:
- Variable tempo: Crea unha variable no inicio do programa co valor do tempo de acendido e outra co valor do tempo de apagado e fai que o programa se comporte en función de ditos valores.
- Latexos: Simula cun LED os latexos do corazón.
- Ambulancia: Conecta dous LEDs, cada un nun pin dixital diferente coa súa resistencia de protección. Modifica o programa de xeito que se acendan e apaguen de forma alternada simulando as luces dunha ambulancia.
Extra:
- Semáforo: Conecta tres LEDs, un vermello, outro amarelo e outro verde cada un nun pin dixital diferente coa súa resistencia de protección. Modifica o programa para que primeiro se acenda o vermello durante un tempo, despois o amarelo, e finalmente o verde, repetíndose isto de maneira cíclica.