Podemos conectar á nosa placa Arduino diversos tipos de motores. Imos ver as características de cada un.
Motores de corrente continua
Estes motores en xeral non poden ser alimentados directamente a través dun pin de Arduino, xa que necesitamos unha maior intensidade. Isto soluciónase conectando o motor a un circuíto amplificador cun transistor.
Tamén podemos utilizar un circuíto integrado especial para o control de motores (Por exemplo L293D) que nos permita controlar facilmente a velocidade e o sentido de xiro.
Conexión:
Teñen dous cables. Un debe conectarse a un pin arduino e outro a terra. Se cambiamos a orde o motor xira en sentido contrario.
Servomotores
Os servomotores permiten controlar a posición angular do eixe, polo que serán máis útiles cós anteriores cando necesitemos precisión nos movementos. Este control é posible porque, ademais dun motor eléctrico de corrente continua, os servomotores inclúen un sistema redutor da velocidade, un sensor de posición (por exemplo, un potenciómetro ou un codificador) e un circuíto de control.
![]() |
![]() |

Conexión:
As cores dependerán de cada fabricante, polo que cómpre consultar as especificacións técnicas, pero en xeral o cable vermello vai a 5V, o negro a terra e o branco ou amarelo é o que recibe o sinal do pin arduino.
Tipos:
- Servo de rotación estándar: Pode xirar desde 0º ata 180º e permite controlar a posición e o ángulo de xiro.
- Servo de rotación continua: Xira de maneira continua. Permite controlar a velocidade e sentido de xiro. Non é tan rápido coma os motores de cc, pero non necesita transistores.
Motores paso a paso
Son os que se utilizan, por exemplo, en impresoras.
Alimentación dos motores e servos
Se só imos conectar un único motor ou miniservo e non lles imos dar moita tralla a alimentación dos mesmos pódese realizar a través da placa Arduíno. Porén, se vas utilizar varios motores e servos de maior consumo cómpre utilizar unha alimentación externa para os motores (ou o controlador de motores), xa que se non pode suceder que:
- o alto consumo de corrente da placa faga que o programa non funcione correctamente ou incluso pode facer que se reinicie o Arduíno.
- pódese danar a placa Arduíno polas correntes de retorno que se poden producir.
No caso de que uses unha alimentación externa para os motores e servos, lembra xuntar a masas do alimentador externo e a do Arduíno.
Nesta imaxe podes ver como se faría directamente. No caso de usar un controlador de motores ou un controlador de servos utiliza os pins axeitados para a alimentación externa consultando as especificacións dos controladores.
Nas prácticas desta sección non usamos alimentación externa, pois realizámolas con motores e microservos de baixa potencia. Se usas outros de máis consumo ten en conta o anterior e non os alimentes a través da placa.