tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Smart Trashbox: A papeleira intelixente

Xa temos a solución á falta de limpeza nos colexios e institutos, cuxos chans vemos sempre ateigados de papeis engurrados e de envoltorios de larpeiradas: Smart Trashbox, unha papeleira que persegue os obxectos que se dirixen cara ela, facendo que os tiros sempre atinen no seu interior.

A papeleira utiliza kinect para realizar un escaneo da habitación. Cando detecta un obxecto en movemento no aire, calcula a súa posición, velocidade e punto de caída aproximado, e comunica estes datos á papeleira, que se moverá cara ás coordenadas calculadas para intentar atrapalo.

No seguinte vídeo tes o anuncio no que se inspirou o autor, o proceso de deseño e fabricación, e verás a papeleira en acción a partir do minuto 2:25.

[youtube: Smart Trashbox] (Visto en: kirainet.com)

O malo de implantar un sistema así nas aulas dos institutos é que non contribuiría a educar ao alumnado.

Temos outro modelo de papeleira robotizada, pero neste caso non se encarga de recoller o lixo, senón en pedirnos educadamente que o recollamos. Cando a papeleira-robot, despois de pasearse dun lado a outro da habitación, atopa algo de lixo, o que fai é dirixirse cara os humanos e inclinar o corpo ante eles pedindo axuda para recoller os desperdicios.

A papeleira en cuestión chámase Sociable Trash Box, e representa un novo concepto de robótica: Os robots non se deseñan para axudar aos humanos, senón que son os robots os que necesitan a axuda das persoas para lograr o seu cometido. Aquí o importante é a capacidade dos robots de comunicarse coas persoas, a súa sociabilidade.

[youtube: Sociable Trash Box] (Visto en: nippon.com)

De tódolos xeitos, como non dispoñemos destes robots, non queda outra que tirar os papeis ás papeleiras intentando ter boa puntería, e recolléndoos cando non fagamos canasta.


Deixa unha resposta

Required fields are marked *.