VI Escola de verán de Almagro

Estes días ando na VI Escola de Verán de Almagro, en Ciudad Real, que este ano leva o título “Claves do éxito para a integración educativa das TIC nas escolas 2.0

Invitáronme para participar como ponente no Ámbito II: “Educación na nube, integración da web 2.0 no ámbito científico-tecnolóxico”, así que aquí tedes a miña presentación, por se vos interesa, que intenta recuperar e difundir o traballo por proxectos.

[Almagro2010]

Estamos ante un novo paradigma educativo: O plan “Escola 2.0” ou en Galicia chamado “Abalar”. Fálase de novos métodos de ensinanza e de achegar a escola á realidade actual na que os ordenadores e internet están omnipresentes. Sen embargo non vexo nada claro que o feito de entregar portátiles e encher os centros con encerados dixitais supoña un cambio metodolóxico ou unha mellora da calidade educativa.

Unha clase maxistral na que se utiliza un encerado dixital e un libro de texto dixitalizado en PDF non ten nada de 2.0, e tampouco aporta nada novo á educación.

2.0 significa traballar de forma activa e participativa, colaborar, aportar, interaccionar, discutir, tomar decisións, crear, … e o traballo por proxectos cumpre con esa filosofía, pois trátase dun proceso de creación práctica, activa e colaborativa.

Os ordenadores deben estar presentes nas aulas e deben utilizarse continuamente, pero por si mesmos non van cambiar nada a non ser que asumamos utilizar outro tipo de dinámicas e métodos de ensinanza diferentes aos tradicionais.


Electricidade 2.0?

Gústanme as visións de futuro. Moitas non son máis ca ciencia ficción, pero outras acaban facéndose realidade.

Hoxe atopeime unha destas visións no blogue de Tiscar que me deixou bastante perplexa: Electricidade distribuída, ao estilo web 2.0., da man de Tom Raftery, consultor de GreenMonk.

decor_1.jpgPara Tom Raftery, trátase da posibilidade de crear no futuro unha rede eléctrica intelixente para o fornezo de enerxía que tome como modelo o sistema de distribución propio das redes dixitais. No concepto de Electricidade 2.0 ou Grid 2.0 que propón Raftery, novas tecnoloxías posibilitarían unha redistribución da electricidade e un aproveitamento dos excedentes enerxéticos a escala mundial.

Un dos retos máis importantes aos que se enfronta o planeta é a xeración, conservación e distribución de enerxía dentro dun equilibro sostible. Ata agora tiñamos grandes empresas que se dedicaban á xeración masiva de electricidade. Aplicando a lóxica da web 2.0, o modelo de rede eléctrica intelixente ábrese aos usuarios, de modo que estes poidan converterse tamén en xeradores e distribuidores de enerxías renovables e adaptar os seus consumos segundo a información de prezos en tempo real.

Será posíbel tal cousa no futuro?

(Información obtida en tiscar.com)