Impresión 3D sobre tea

Unha das posibilidades da impresión 3D é o deseño téxtil utilizando unha tea como soporte da impresión. Neste vídeo podes ver uns exemplos de escamas de dragón:

[Print on Fabric from María L on Vimeo.]

O procedemento é fácil. Utilízase un modelo 3D teselado, de xeito que as diferentes pezas podan moverse libremente. Imprímense dúas capas sobre a base da impresora, pausamos a impresión, colocamos enriba a tea ben suxeita á base mediante unha pinzas e continuamos imprimindo.

Usei a tea que tiña máis a man, que e é bastante fea, por certo. O importante é que sexa fina e estea tecida con folgura para que peguen as capas de filamento que están a un lado e outro da tea. Se utilizamos unha gasa transparente a creación pódese coser sobre outro tecido sen que se note demasiado.

Aquí deixo esta posibilidade de traballo para quen queira facer proxectos téxtiles.


Soporte para sensor ultrasónico

Se necesitades un soporte para un sensor ultrasónico, pode servos de utilidade este que usamos neste proxecto do aparcadoiro de hai un par de anos. Está deseñado para o modelo HC-SR04. O ultrasón queda suxeito sen utilizar parafusos e a parte inferior está deseñada para suxeitalo nun servo.


Podedes descargar aquí o STL ou modificar o deseño ao voso gusto con Onshape. E, se queredes, tamén podes repasar como se programa un sensor ultrasónico con arduino.


100hex. Arte con impresión 3D

Non todo vai ser facer cousas funcionais. Tecnoloxía e arte casan moi ben, e quixen aproveitar que teño unha impresora 3D para realizar un proxecto persoal de decoración dunha parede que tiña bastante sosa. Trátase dunha composición de hexágonos todos da mesma cor e dimensións, pero cada un cunha imaxe diferente.

[100hex from María L on Vimeo.]

Para a preparación das pezas e xeración dos ficheiros stl necesarios para imprimir utilicei:

  • Debuxo CAD con Onshape
  • Debuxos e fotografías tratadas con Gimp e Inskape, e xeración do ficheiro stl con Openscad.
  • Programación directa con Openscad e BlocksCAD para a xeración de figuras recurrentes, funcións e fractais
  • Algunhas pezas foron xeradas modificando ficheiros que atopei en Thingiverse. Grazas á xente por compartir!

Tendes todos os ficheiros en Thingiverse. Trátase dun proxecto aberto, que se pode ir ampliando con novas pezas. Se vos animades a engadir algún novo deseño, adiante.

Podería ser unha idea para decorar esas sosas paredes que soen ter os institutos. Non?

Feliz verán!

 


Ascensor

Este non foi un bo ano en canto a proxectos, pero algo fixemos.

Un dos proxectos deste ano do alumnado de Tecnoloxía Industrial I é un ascensor programado con Arduíno. Reciclamos un ascensor de 2 pisos realizado en 2º de ESO e o alumnado de 4ºESO axudou no cableado dos compoñentes. O resultado podédelo ver neste vídeo:

(Ascensor de 3 pisos from María L on Vimeo.)

Nesta páxina tendes máis información sobre o proxecto do ascensor, por se queredes montar un.


Ready to Crawl

“Ready to Crawl” é unha colección de preciosos mecanismos que imitan á natureza creados por fabricación aditiva polo deseñador xaponés Hiroshi Sugihara. Non vola perdades!