Esquemáticos: gráficas expandidas funcionais

Acabo de descubrir o traballo “Esquemáticos” da artista mexicana Amor Muñoz.

A instalación consiste nunha serie de diagramas de circuítos electrónicos analóxicos bordados a man sobre teas de gran tamaño (300 x 150 cm). As pezas inclúen os compoñentes electrónicos reais, que están interconectados entre si mediante fío condutor pola parte posterior, de maneira que os circuítos son completamente funcionais e poden ser operados polo público.

[Esquemáticos from Amor Munoz on Vimeo.]

Estes son os circuítos da instalación:

  • Un alcolímetro mide o nivel de alcol no alento do participante. Se o nivel é baixo apenas acenderanse uns LEDs, pero se é alto soará a sirena dunha ambulancia. Para iso utiliza unha serie de amplificadores operacionais que actúan como comparadores. Para axudar ao público a probar o circuíto proporciónaselles un grolo de tequila.
  • Un sensor de audio conectado a un relé fai que funcione e se apague un vello tocadiscos.
  • Un circuíto integrado 555 crea oscilacións de son en resposta aos debuxos que realiza a xente cun lapis de grafito. Está baseado no xa coñecido por nós Drawdio.
  • Un órgano electrónico conta con 8 pulsadores que corresponden á escala musical.
  • Un sensor de frecuencia cardíaca que activa un LED e un altofalante seguindo o ritmo do pulso da participante.

 
Gústame moito a idea para levar a cabo no instituto aproveitando que en 4º de ESO hai un bloque de contidos adicado á electrónica. Habería que buscar unha parede axeitada para realizar unha instalación. Xa veremos para o curso que vén.
 
En palabras da artista:
“O debuxo comunmente é entendido como un medio de representación gráfica bidimensional que ten como fin a transmisión de información, mensaxes, ideas, etc. Neste caso interésame abordar ao debuxo como un sistema expansible e funcional. Por tal motivo encontro un interese particular no debuxo electrónico, pola súa calidade técnica e por ser unha estrutura universal de representación e significacións mediante símbolos gráficos, que proporcionan datos para a análise, deseño e elaboración de artefactos.”