Hai quen di que os blogues morreron, que non duran nada, que se van substituíndo por outros servizos de comunicación, … pero tecnoloxia.org aguanta en pé, e este mes cumpre 2 anos.
Tócavos un anaco desta tarta, xa que grazas a vós, lectores e lectoras habituais, teño ánimo de continuar. Un saúdo moi especial a aqueles alumnos e alumnas que, anque xa non lles dea clase, siguen vindo por aquí de visita para ver as novidades, e outro para os que deixades aquí os vosos comentarios.
A verdade é que estou sorprendida por como foi medrando o número de visitantes ao longo deste tempo. Isto comezou como un escaparate de información para as miñas clases de tecnoloxía da ESO, pero actualmente o público abrangue perfís do máis diverso, de dentro de de fóra de Galicia. Grazas!
Unha das cousas que me parece máis gratificante é saber que o alumnado doutros centros vén a este espazo de internet para aprender. Cando comecei con tecnoloxia.org a intención era a de publicar nun mesmo sitio material que tiña en diversos espazos e compartilo co resto do profesorado, que non quedase unicamente dentro da miña aula. Saber que se está a utilizar é do máis gratificante para min.
Durante varios meses, a principio de curso, houbo problemas de acceso a tecnoloxia.org dende os institutos. Ao principio pensei que era cousa do meu servidor, pero era problema do servizo da Xunta. Xa está arranxado, e esperemos que non volva a suceder.
Para o futuro a ver se cumpro cun par de obxectivos:
– Actualizar o que hai e publicar novo material na sección de contidos. A verdade é que xa lle fai falta, e téñoo algo abandoado.
– Publicar aquí máis fotos e vídeos dos proxectos dos meus alumnos e alumnas. O que máis hai son ideas que atopo pola rede, pero publico aquí moi poucos proxectos e traballos que facemos na clase, anque si están en internet nalgúns sitios web do alumnado. A ver se remexo no disco duro e empezo a difundir tamén aquí eses traballos.
Non prometo nada. A ver se non sucede o mesmo que coas propostas que se fai unha o 1 de xaneiro para o novo ano que comeza.
Grazas a todas e a todos!