Prácticas do Obradoiro “Robots en acción” das X Xornadas

Para o profesorado:

Aquí tedes as prácticas do obradoiro “Robots en Acción” das X Xornadas de Tecnoloxía de Galicia:

Publicaranse tamén na web de APETEGA, no apartado de obradoiros.

Hai quen me preguntou se podía utilizalas co alumnado. Non hai ningún problema. Podedes usalas e modificalas, pero respectando a licenza Creative Commons que aparece no encabezamento.

O obradoiro foi dun nivel básico, inicial, e visto que houbo xente que asistiu para preguntar dúbidas e resolver problemas de programación máis complexos, poderíase pensar nun un obradoiro de nivel II para as seguintes xornadas se é que hai demanda. Xa se verá.

En todo caso, se tedes algunha dúbida concreta podedes escribirme un correo e intentarei axudarvos.


X Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

apetegaPara o profesorado de tecnoloxía:
Xa están en marcha as X Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, que este ano vanse realizar no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela os días 23 e 24 de Abril de 2010.

Eu repetirei o obradoiro de robótica con Lego Mindstorms NXT “Robots en acción!” das edicións pasadas, así que se aínda non probastes e queredes fedellar cos robots de Lego vémonos alí.

Tedes toda a información e o formulario de inscrición na web de apetega.


III Xornada Monográfica de APETEGA. Enerxía Solar.

apetega_solar.pngAPETEGA organiza un ano máis a Xornada Monográfica, esta bez baixo o tema A Enerxía Solar. Será o 28 de novembro de 2009 en Nigrán.

A xornada está dirixida ao profesorado do ensino público de educación secundaria que imparta a área de Tecnoloxía.

Os obxectivos son:

  • Presentar os principios físicos de captación e almacenamento de enerxía solar térmica e a súa aplicación ao procesado de alimentos.
  • Fomentar o desenvolvemento de prototipos de cociñas solares adaptadas a diferentes condicións e usos.
  • Presentar os materiais e dispositivos empregados na captación e utilización da enerxía solar fotovoltaica.
  • Capacitar ao profesorado na construción de reguladores de tensión electrónicos adaptados a uso solar.

Prazo de inscrición: dende o luns 9 de novembro ás 22:00 h ata o venres 20 de novembro ás 20:00 h
Hai prazas limitadas, así que se vos interesa anotádevos canto antes.

Máis información:


Manifesto en defensa da lingua galega de APETEGA

A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, aprobou na pasada asemblea o seguinte comunicado:

Manifesto en defensa da lingua galega

Como asociación de profesorado, queremos manifestar a nosa preocupación ante a intención do novo goberno de Galicia de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo.

Consideramos que a lingua galega forma parte da riqueza e da idiosincrasia do noso país, e como todos sabemos o seu uso está en alarmante retroceso. Dende as institucións educativas debe ser transmitida e apoiada para fomentar o seu uso, buscando unha situación de igualdade real entre as dúas linguas de Galicia.

Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2009

linguassuman.jpgA título particular, considero que utilizar a lingua e a educación como arma política é un feito lamentable e completamente irresponsable. A lingua é cultura e nos centros de ensino trasmitimos ante todo cultura, e iso debe defenderse sempre, con independencia das políticas dun goberno ou dos intentos de censurar información que recordan a épocas pasadas.

O ensino debe estar guiado sempre polo rigor científico e por criterios educativos, e non por intereses políticos que desprezan a cultura e a liberdade de información e de expresión.


2009061723335052704.jpg

Tríptico da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística: “As linguas suman


A mostra de proxectos nos medios de comunicación

Algúns medios de comunicación fixéronse eco da V Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa” organizada por APETEGA.

No Telexornal Serán da TVG. 12/06/2009 – 21:05.
Pequenos “enxeñeiros” mostraron os seus inventos en Santiago.

Na Voz de Galicia:
Docentes de Tecnoloxía piden máis medios para poder impartir a materia no bacharelato. A exposición de traballos da praza do Toural superou as previsións e impactou

lavoz_mostra.jpgEn realidade o que se pide é que deixen impartir as materias de Tecnoloxía Industrial e Electrotecnia en Bacharelato, pois en moitos centros a inspección non as permiten ofertar, sendo materias de modalidade.

Non hai ningunha restrición á oferta de ningunha materia do Bacharelato excepto para as materias de tecnoloxía, e non poden xustificar non deixar ofertalas polos recursos que se necesitan, pois tampouco hai unha dotación axeitada para impartir a Tecnoloxía da ESO e sen embargo estase a impartir perfectamente, xa que o profesorado xa nos sabemos buscar a vida para conseguir os recursos necesarios, físicos e virtuais. Desgrazadamente é así.

Non se entende esa política antitecnolóxica da Consellería de Educación, e así nos vai neste país. Ao final o maior perxudicado é o alumnado interesado pola tecnoloxía e polos estudios superiores relacionados, ao que non se lle permite aprender.