Premiados en Robocampeones 2010!

O alumnado do IES Primeiro de Marzo de Baiona foi premiado no campionato de robótica Robocampeones 2010 que se celebrou o venres 28 de maio no IES Jovellanos de Fuenlabrada (Madrid)

O segundo posto da Proba Libre levouno a máquina expendedora de caramelos “Lambetadas Baiona” que deseñaron, construíron e programaron os alumnos de Tecnoloxía Industrial de 1º de Bacharelato. Un gran traballo de enxeñería. Parabéns!

Os representantes en Madrid foron Damián, Pablo e Javier

lambetadas1.jpglambetadas2.jpg

Máis adiante xa publicaremos máis fotos, vídeos e a explicación do funcionamento da máquina que, resumindo, é capaz de distinguir moedas de 50 e 10 céntimos e permite a selección de tres tipos de caramelos mediante dous mecanismos diferentes.
(Actualización: Xa podes ver a páxina do proxecto)

Na Proba de Rescate, na que participaron unha trintena de equipos, tamén quedaron moi ben.

O equipo Lucecú formado por Daniel (4º ESO A) e Javier (1º Bach) quedou terceiro. Un gran traballo, Felicidades!

3rescate.jpg

O equipo O Morriñas formado por Jessica e Anxo de 4º ESO B quedou no cuarto posto. Non levaron copa, pero o resultado é tamén magnífico. Parabéns!

4rescate.jpg

O equipo Sapoconcho formado por Irene e Arancha de 4º A non se clasificou para a final debido a un problema ao esquivar unha lata, pero fixérono tamén fenomenal. Son tamén unhas campioas!

5rescate.jpg

Moitos alumnos e alumnas quedaron en Baiona e non puideron asistir á competición, pero tamén traballaron estupendamente todo este tempo. Os premios son para todos e todas, xa que son produto da enorme implicación e traballo en equipo do alumnado de Tecnoloxía. Felicidades!

todos.jpg

Grazas ao IES Gaspar Melchor de Jovellanos e en especial a Víctor polo traballo de organización, e o noso máis sinceiro agradecemento a César e ao alumnado do IES El Greco de Toledo polo magnífico trato recibido acolléndonos no seu instituto os días previos á competición.

Actualización 01-xuño-2010
Saímos no xornal Faro de Vigo (clica na imaxe para ampliar)

FarodeVigo01-06-2010.jpg

Todo isto é posible grazas ao programa Arce de agrupamentos escolares do Ministerio de Educación.


Vídeo das Xornadas de Robótica Baiona-Toledo

Xa sei que chega tarde, pero aquí tedes unha montaxe coas fotos que sacamos durante as Xornadas de Robótica Baiona-Toledo os días 3 e 4 de maio.


[Xornadas de Robótica Baiona-Toledo from María L on Vimeo.]
[Música: AID – Non importa]

Se queredes ter as fotos orixinais lembrádevos de traer un pen drive para gravalas dun dos ordenadores do taller.


Roboparking

Aquí vai o vídeo do proxecto que presentamos o curso pasado á proba libre de Robocampeones 2009.

Trátase dun aparcadoiro de 4 prazas capaz de detectar vehículos diante das barreiras, que se abren automaticamente, e de contar os vehículos que hai dentro. Cando o parking está completo non deixa pasar máis vehículos ata que queda algunha praza libre. Un cartel “libre-ocupado” indícallo ao condutor que desexa acceder.


[Roboparking from María L on Vimeo]
[música: Mika-Rain]

Foi deseñado, construído e programado con Lego Mindstorms NXT por Ángela, Jessica, Iago e Javier. Presentárono en Robocampeones 2009 Ángela e Sandra.

O alumnado de 1º de bacharelato anda agora a argallar como facer unha máquina expendedora de caramelos. Haberá que traballar intensamente para que dea tempo de presentala en Robocampeones 2010.


Xornadas de Robótica Baiona-Toledo

Os vindeiros luns 3 e martes 4 de maio recibiremos no IES Primeiro de Marzo a un grupo de alumnos e alumnas do IES El Greco de Toledo, que participarán co alumnado de tecnoloxía de 4º de ESO e 1º de Bacharelato nunhas xornadas intensivas de robótica no taller II de Tecnoloxía. O IES El Greco é un dos institutos que integran o agrupamento que temos no programa Arce do Ministerio de Educación.

pista_robotica09.jpgUnha selección dos mellores alumnos e alumnas participará a finais de maio na competición “Robocampeones” en Madrid, que consiste en construír e programar un robot capaz de desprazarse nun recinto que simula unha situación de desastre, localizando vítimas tendidas no chan e evitando os obstáculos que se atopen no camiño. Haberá que resolver problemas como atopar a liña se o robot pérdese, contar as latas, atopar vítimas na habitación sen liña, atopar a porta de saída, … Temos aínda moito traballo por diante.

Pero non só imos traballar duramente. Polas tardes temos preparadas excursións para ensinarlle Baiona e a Ría de Vigo ao alumnado visitante.

Desexámoslles unha boa viaxe e unha mellor estancia.

Actualización 06/05/2010
Nova publicada hoxe no Faro de Vigo (Clica na imaxe para ampliala)
FarodeVigo_06maio2010.jpg


Seguiremos coa robótica!

lego-nxt.jpgConfirmado! O Ministerio de Educación concedeunos unha axuda para a ampliación do proxecto de robótica que iniciamos hai dous anos
“Didáctica da robótica para a diversidade educativa mediante a introdución do método Lego Mindstorms”
dentro da a convocatoria de Axudas para o establecemento de agrupacións de centros educativos para a realización e posta en práctica de proxectos comuns, na modalidade “B”.

Aínda temos que organizar a actividade, pero adiántovos que participará o alumnado de tecnoloxía de 4º ESO e de 1º de Bacharelato, e que este curso faremos o agrupamento co IES EL Greco, de Toledo, que esperamos que veñan a Baiona a participar nas xornadas de robótica que imos facer no Insti.

Se queredes saber como foron as xornadas do curso pasado podedes visitar o post: Fotos das xornadas de robótica Baiona-Velilla. Alí tedes este vídeo e as novas publicadas nos xornais.


[Xornadas de robótica Velilla-Baiona from María L on Vimeo.]

En maio pretendemos participar na competición de robótica “Robocampeones”. A ver se se repiten os resultados do curso pasado e traemos unha copa. Mirade a información no post “Baiona robocampioa!
Tedes que traballar duro, pois só levarei aos mellores.

campions2.jpg
[Foto conxunta dos equipos gañadores en Robocampeones 09]