tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Flor autómata

Flor Automata é un proxecto artístico feito con arduino que consiste nunha flor mecánica que reacciona ante a luz exterior, abríndose de día e pechándose pola noite.


[Vídeo en Flickr]

Podémola coller como idea para un proxecto de 4º de ESO.

No faría falta unha estrutura tan complexa, pois pódese facer unha flor con material máis lixeiro e menos laborioso coma o cartón, que debe ir conectado a un mecanismo que eleve e baixe os pétalos (leva, cegoñal, piñón cremalleira, …)

Como en 4º non traballamos con arduino (témolo para bacharelato, en 4º usaremos Lego) podemos substituír o control programado polo control electrónico, utilizando unha LDR como sensor de luz, e un relé que poña a xirar o motor no sentido axeitado. Por exemplo, utilizando o seguinte esquema:

flor_automata.jpg
(podes baixar aquí o circuíto para o simulador crocodile technology)

A vantaxe de facelo con arduino é que podemos regular o peche dos pétalos en función da luz, pechándose máis ou menos. No caso do control electrónico proposto a flor ábrese e péchase completamente, sen quedar nunha posición intermedia.

Podedes ir pensando noutras ideas para un sistema que actúe en función da luz exterior. Se son viables levarémolas á práctica.…

Autómata que camiña

Osamu Kanda é un artista que fai autómatas mecánicos de madeira. Algúns son unha virguería, pero bastante complexos para atopar ideas para os proxectos de mecanismos de 2º de ESO. Sen embargo hoxe vin en The Automata blog un simpático autómata que camiña que podería valer de idea para facer algún proxecto.


[youtube: crawl]

Pode servir de axuda para a montaxe o xerador de plantillas para facer engrenaxes do que falei hai un tempo. Logo habería que experimentar coa colocación e rañura das “patas” ata conseguir o movemento.

Se queres ver outros autómatas de Osamu Kanda podes visitar o seu canal en youtube.…

Philip Lowndes Automata

A quen che recorda este boneco?
Un profe cabreado co seu alumnado, o directivo dunha empresa asfixiado coa crise, o político de turno no parlamento, …

Pode ser quen ti queiras, e se queres descargar as instrución para montarte un podes facelo desde a páxina de Philip Lowndes Automata: In my humble opinion. Tes un manual completo con 87 fotografías e ilustracións, e as plantillas a tamaño real. O malo é que non é gratis. Tes que pagar 10 libras.

Hai outros modelos moi logrados, como o desta muller comendo un sandwich, anque algo máis caro.

Hai un moi doado de facer con instrucións descargables: Snapping alligator.

Se non te animas a construír, sempre podes deleitarte coas magníficas creacións mecánicas de Philip Lowndes Automata. Handmade contemporary automata.…

A máquina máis inútil do mundo

As máquinas que deseñamos e contruímos na ESO non é que sexan moi útiles, pois non son máis ca xoguetes, pero non pensedes que só nós facemos cousas desas. O outro día vin un deseño do máis orixinal, anque inútil segundo o seu título. A ver se serve de inspiración.

youtube: World’s Most Pointless Machine?

É que, co ben que se está alí dentro, non sei como se atreven a abrir a caixa só para incordiar. Hai xente que non sabe facer outra cousa que molestar ;-)

(Visto en perlas.mangasverdes.es)