Mécanologie, de Pierre Bastien, é unha colección de instrumentos musicais feitos con meccano. Pódenos servir de inspiración para realizar proxectos de mecanismos en 2º de ESO.
Hoxe en día a electrónica permite reproducir facilmente infinidade de sons e música. Só hai que visitar estes días unha tenda de xoguetes ou un bazar chinés para saír coa testa rota de escoitar tanto piribiribí, pum, crash, pio, bong, … e milleiros de sons de todo tipo saíndo polos altofalantes dos xoguetes.
Realmente facer isto actualmente é moi doado. O que non resultaba tan doado era engadir son aos xoguetes do século XIX. Daquela a electrónica non existía, e os sons tiñan que producirse de maneira mecánica.
No blogue “The automata blog” atopei unha auténtica marabilla de mecanismo. Trátase do interior dun autómata de 1890 consistente nunha gaiola cunha serie de paxaros que cantan. Pénsase que foi obra de Bontems, un distinguido fabricante de autómatas en París. O mellor é que o vexades vós.
Naquela época, a maneira máis común de engadir son aos xoguetes era utilizando caixas de música, nas que un cilindro xiratorio con levas facía mover unhas láminas metálicas afinadas, producindo son.
Ata o 30 de setembro podedes descargar gratuitamente de Cabaret Mechanical Theatre un manual de 18 páxinas do famoso deseñador de autómatas mecánicos Paul Spooner.
Dando unha volta por designboom.com atopei a Kristoffer Myskja, un artista noruegués que non deixa indiferente a ninguén cos seus orixinais autómatas.
Dádevos unha volta pola súa web, onde podedes ver fotos e vídeos do seu traballo, entre eles unha orixinal máquina de fumar, que supoño que necesitará saltarse a lei antitabaco para ser exposta na sala dun museo. Non vos perdades o vídeo.
Ten outras interesantes obras, nas que xoga co son, coa mecánica e coa electrónica.