Houbo que esperar á quinta edición dos Premios Bitacoras.com para que incluísen unha categoría de Educación.
É algo que sempre me chamou a atención en todos eses eventos blogueiros. Convócanse premios, encontros e mostras organizando a blogosfera en categorías do máis diverso, pero sempre botei en falta unha dedicada aos blogues educativos, presentes en internet dende que existen os blogues, actualizándose cada curso escolar, moitos de moitísima calidade, pero sempre esquecidos no macromundo blogosférico e funcionando en paralelo como conxunto de blogues independente do resto.
Din que a educación ten que saír das paredes das escolas, e que o centro da aprendizaxe está máis alá das actividades estrictamente educativas. Nestes tempos en que se está a empezar a apostar pola “escola2.0” e que moitos profesores e profesoras estamos a meternos de cabeza na rede, é de agradecer que dende un evento como os premios bitácoras.com se recoñeza cunha categoría o traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.
Pois nada, creo que é unha interesante oportunidade mostrar a todo o público o que se está a facer en educación, esquecéndonos deses ámbitos edu-limitados nos que acostumamos a movernos, así que animádevos a votar os blogues educativos que máis vos gusten.
Lembrade que para votar previamente hai que rexistrarse.
Se queredes darlle un voto a tecnoloxia.org aquí tedes a ligazón.