Hai tempo que tiña pensado escribir algo sobre o mal enfocadas que están as campañas de fomento dos estudios de ciencia (e de tecnoloxía?) entre as mulleres, e fun deixándoo pasar, pero como hoxe mesmo a cousa chegou ao colmo non vou demorar máis tempo as miñas críticas, que agardo que sirvan para reflexionar sobre o que estamos a facer.
O disparate máis grande nunca visto en campañas de fomento da ciencia entre as mulleres vén nada menos que da Comisión Europea, que nos presenta “Science: It’s a girl thing” cun patético e ridículo vídeo no que os estereotipos sexistas se mostran de principio a fin, e que xa provocou duras críticas en twitter e na blogosfera, baixo os hashtags #CientificasConTacones e #realwomenofscience.
Non volo perdades: Tacóns, pintabeizos, camiñar de pasarela, poses sedutoras, vestidos de cor rosa, … todo o que unha muller necesita para dedicarse á ciencia!!
[youtube: O vídeo oficial Science: It’s a girl thing! foi eliminado, pero atopeino noutro sitio]
A min isto dáme verdadeira vergoña allea. Como é posible que hoxe en día teñamos que aturar estas cousas?
Nunca vin unha campaña que chegase a estes límites de sexismo e estupidez en tan pouco espazo e tempo, pero a verdade é que para min fallan estrepitosamente todas estas campañas existentes de fomento dos estudios científicos entre as mulleres, polo menos as que teño visto.
A que acaba de presentar a Comisión Europea merece un capítulo aparte, e quero referirme agora a outras campañas que adoitamos ver expostas nos institutos de Educación Secundaria. Vou destacar os que son, ao meu parecer, os erros máis comúns que atopamos nestas campañas e exposicións.
Fomentar entre as mulleres os estudos de ciencias? E os de tecnoloxía?
O primeiro erro é centrarse no fomento dos estudios científicos entre as mulleres e non mencionar a tecnoloxía.
Se botamos unha simple ollada á matrícula nas diferentes carreiras universitarias vemos que que as carreiras de ciencias (bioloxía, química, medicina, farmacia, física, matemáticas, etc.) están cheas de mulleres, e en moitos casos superan con creces o número de varóns.
O problema aparece cando observamos a matrícula nos estudos de enxeñarías, e é aquí onde as mulleres non chegan ao 20%, incluso nalgunhas especialidades non superan o 5%.
Pode ser que hai décadas fose necesario atraer mulleres cara ás ciencias por seren minoría, pero hoxe en día iso está máis que superado, e no que habería que incidir realmente é nos estudos técnicos, que é o ámbito onde a muller aínda está máis desprazada. Porén, as campañas que teño visto ata agora céntranse na ciencia e a tecnoloxía nin se menciona ou queda oculta case imperceptible entre outras mensaxes.
Ademais, a insistencia en fomentar os estudios de ciencia entre as mulleres utilizando mensaxes que están máis ca superadas provoca máis estrañeza que interese entre as rapazas, e incluso diría que desaniman ao mostrarse unha situación que non é real, polo menos no que se refire á motivación, interese ou matriculación nos estudos.
Mulleres especiais na historia, modelos a seguir?
Outra das miñas críticas a estas campañas é a de presentar en exclusiva modelos de mulleres históricas que fixeron a súa contribución á ciencia facendo un traballo excepcional fóra da normalidade na sociedade na que vivían. Todas estas científicas históricas deben ter o seu sitio nos libros de ciencia e de historia, por suposto, pero non son o máis axeitado para unha campaña para espertar vocacións.
Con todos os meus respectos cara a estas mulleres, defendo que non son o modelo a seguir polas rapazas novas de hoxe en día nin representan a forma de traballar na actualidade e que, ao contrario do que se pretende, provocan máis rexeitamento entre as mozas que intención de seguir os seus pasos.
Desde logo que as mulleres do vídeo da campaña “Science: It’s a girl thing” non son un modelo a seguir, pero tampouco pode selo unha muller pechada dentro dun laboratorio escuro, tapada ata o pescozo, que nin sae, nin se divirte, nin se relaciona cos demais. Iso non funciona!
Se queremos motivar ás rapazas débese mostrar a actualidade, a realidade que se van atopar no seu futuro máis próximo, e non centrarse no pasado, por moi interesante que nos pareza.
Individualismo? E o traballo en equipo?
Hai unha excesiva tendencia a mostrar “figuras” en ciencia e tecnoloxía nas actividades para estudantes ou nas accións divulgativas, dando a idea de que a actividade científica e a tecnolóxica se desenvolven de xeito individual por persoas que destacan, “xenios” que se saen do normal, cando o que hai que difundir entre a xente máis nova é que a ciencia e a tecnoloxía son accesibles a calquera persoa que estea interesada nestes campos e que estude e traballe para dedicarse a eles, sen necesidade de ser xenios.
Ademais, hoxe en día en calquera actividade de ciencia ou de tecnoloxía é fundamental o traballo en equipo e estar conectados en rede. Ninguén nestes tempos desenvolve un medicamento ou deseña un dispositivo electrónico de consumo de forma individual, en solitario. A actividade científica e tecnolóxica realízase por equipos de persoas formados por homes e mulleres, e non por individuos illados, que é o que se dá a entender en moitas exposicións e campañas.
Como mostrar a ciencia e a tecnoloxía para atraer ás mulleres?
Ten mellor resultado mostrar a ciencia e a tecnoloxía como actividades na que participan as mulleres en igualdade e na miña opinión:
Non debe faltar:
- Mostrar e fomentar a tecnoloxía, a gran esquecida.
- Mostrar e dar a coñecer a actualidade, e non centrarse na historia.
- Mostrar actividades nas que homes e mulleres traballan xuntos, sen importar o sexo.
- Mostrar o traballo das mulleres como algo normal, con naturalidade, e non como algo especial.
- Mostrar a necesidade de traballar en equipo e de conectarse en rede para compartir.
- Intelixencia.
- …
Sobra:
- Sexismo e machismo. Xa está ben!
- Estereotipos. Nin a ciencia nin a tecnoloxía poden basearse en estereotipos. Non lles son propios.
- Frikismo. Isto espanta a maioría das mulleres e non aporta nada positivo.
- Mensaxes tipo anuncio de Ausonia. As rapazas non son estúpidas!
- Individualismo. As figuras no son nada sen equipos que as acompañen.
- Soberbia.
- …
Non sei se estas reflexións servirán para algo, pero polo menos xa me desafoguei :-P