Aprendendo algo de linguaxe audiovisual

Cada vez somos máis os profesores e profesoras de calquera materia que gravamos e editamos vídeos ou pedímoslle ao alumnado que os faga. Porén, a maioría carecemos da formación audiovisual necesaria para realizar os nosos traballos cun mínimo de calidade.

Guión, storyboard, planos, secuencias, … Recomendades algún material de consulta que nos axude a poñernos ao día para traballar o vídeo cun pouquiño de xeito?

Eu desde logo que non me sinto capaz de abordar este tema con profundidade, e recoñezo as miñas carencias formativas neste campo, pero hoxe vou dedicar esta entrada a uns planos básicos utilizados no cine. Son unhas boísimas composicións feitas por kogonada para vimeo que atopei onte por casualidade e que creo que serven de exemplo para introducir tres tipos de planos que se poden utilizar nunha gravación.

Punto de fuga central nas películas de Kubrick:

O punto de fuga central non só dá sensación de perspectiva á imaxe, senón que tamén contribúe a que a mirada do espectador quede atrapada na fotografía, aumentando o protagonismo da imaxe.

[Kubrick // One-Point Perspective from kogonada on Vimeo.]

Contrapicados de Tarantino:

Nun plano contrapicado a cámara sitúase por debaixo do obxecto e oriéntase cara arriba. Serve para magnificar un obxecto ou persoa, por iso é tan utilizado polos políticos, ou polo mesmo Darth Vader.

[Tarantino // From Below from kogonada on Vimeo.]

Picados de Wes Anderson:

Nos planos picados a cámara grava dende arriba e oriéntase cara ó chan. O efecto que produce é o contrario có do contrapicado, pois utilízase para resaltar a fraxilidade ou inocencia do obxecto enfocado.

[Wes Anderson // From Above from kogonada on Vimeo.]

Gustaríame que alguén comparta algún material para saber máis destas cousas, e que nos axude a mellorar os nosos vídeos caseiros. Algunha recomendación?